A Xunta pon en valor as máis de 160 persoas asesoradas no polo de emprendemento de Ferrol para dinamizar e fixar poboación na contorna cos seus proxectos

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe nun acto organizado por este Polo para orientar ás persoas participantes de cara ao liderado das súas iniciativas empresariais

Puxo en valor as máis de 300 sesións de titorización levadas a cabo polo Polo de Ferrol, no marco dunha Rede actualmente constituída por un total de dez centros activos, dous deles na provincia da Coruña e aos que se sumará en breve outro en Melide

A Xunta reforzará o seu investimento en emprendemento o ano que vén con respecto a este 2023, cun 56,2% máis de orzamento ata acadar os 28,5 millóns de euros
 

Neda (A Coruña), 27 de outubro de 2023

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe en Neda no evento Os venres dos polos: como converterse nun bo líder empresarial, organizado polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Ferrol. Alí destacou que este centro leva asesorado desde a súa posta en marcha en decembro do ano pasado máis de 160 persoas -un 62% delas mulleres-, coas que se realizaron máis de 300 sesións de titorización para o éxito dos seus proxectos, entre os que destacan os relacionados co comercio.

O obxectivo do evento de hoxe é que as persoas emprendedoras aprendan a converterse en líderes das súas iniciativas empresariais. Os asistentes coñecerán así de primerira man, a través dun experto en coaching empresarial, cales son as súas habilidades directivas e aprenderán a potencialas.  

Na súa intervención, Ardao puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con dez activos na actualidade e coa previsión de chegar a quince antes de que remate o ano. Na provincia da Coruña, máis alá do de Ferrol, está a funcionar o de Coristanco e en próximas datas habilitarase outro en Melide, co gallo de prestar asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras desa contorna en calquera fase en que se atopen os seus proxectos empresariais, de principio a fin.

O emprendemento será unha das grandes apostas da Xunta de Galicia o ano que vén, con 28,5 millóns de euros, un 56,2% máis que en 2023. Estrearase unha nova liña de axudas para fomentar a remuda xeracional nas iniciativas emprendedoras e consolidarase a Rede de polos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2023