A Xunta destina máis de 200.000 € en axudas a particulares de Ferrolterra para impulsar a madeira como elemento estrutural na construción

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, comprobou esta mañá o resultado das obras acometidas por unha veciña de Canido, beneficiaria de dúas achegas desta orde da Consellería do Medio Rural

Na convocatoria eran subvencionables tanto a redacción de proxectos como a utilización de produtos de madeira en construción nova, rehabilitación ou reforma de edificacións de naves e establecementos de negocio que empregasen produtos de madeira como elementos estruturais

Ferrol, 26 de outubro de 2023

A Xunta concedeu este ano axudas a particulares das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para impulsar a madeira como elemento estrutural na construción por valor de 204.296 euros. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou desta resolución de axudas da Consellería do Medio Rural para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais durante a visita ás obras nunha vivenda unifamiliar en Canido. A promotora percibiu dúas achegas por valor de 50.000 euros.

A orde da convocatoria, que tivo un carácter de concorrencia non competitiva, está dirixida tanto a pequenas e medianas empresas (pemes); incluídas as persoas autónomas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, como a persoas físicas.

Nestas achegas, eran subvencionables tanto a redacción de proxectos como a utilización de produtos de madeira en construción nova, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empregasen produtos de madeira como elementos estruturais, sempre que, cando menos, o 20 %, do orzamento de execución material do proxecto correspondese a produtos de madeira ou derivados da mesma (incluída a súa colocación). Estes produtos deben ser empregados cunha finalidade estrutural ou como sistemas da compartimentación, envolvente ou acabados.

Como lembrou a delegada territorial estas axudas están enmarcadas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, e teñen por obxectivo “loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar ás persoas que vaian habitar estas edificacións construídas en madeira”, puntualizou Aneiros.

Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal concedéronse un total de 15 axudas ao abeiro desta convocatoria, 12 na liña de redacción de proxectos (115.948 euros en axudas) e tres na liña de utilización de produtos de madeira (88.998 euros). Todas elas para particulares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023