A Xunta adxudica por 13,16 M€ as obras de urbanización da primeira fase de San Paio de Navia

O Instituto Galego da Vivenda e Solo asinou o contrato coa empresa gañadora da licitación, o que garante que en novembro comezarán os traballos sobre o terreo

Deste xeito xa están asinados todos os contratos de obras e servizos para poder acondicionar os terreos do polígono 1, que albergará 733 vivendas protexidas

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia adxudicou por un importe de 13,16 millóns de euros as obras de urbanización correspondentes á primeira fase da ampliación do barrio de San Paio de Navia, na cidade de Vigo, no que se prevé construír ao redor de 1.600 vivendas con algún réxime de protección.

O contrato entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a adxudicataria —unha unión temporal de empresas— formalizouse esta mesma semana polo que os traballos sobre o terreo poderán comezar no mes de novembro. O obxectivo é acondicionar o chamado polígono 1 de San Paio de Navia, que abrangue case 100.000 metros cadrados e representa máis dun terzo da superficie total do ámbito.

En concreto e segundo consta no proxecto, a adxudicataria acometerá obras de pavimentación, sinalización de vías e semaforización, accesibilidade, xardinería —con 9.600 m2 de zonas verdes e 222 árbores—, equipamento urbano —incluídas dúas áreas de xogo e unha de exercicio adaptadas para persoas con diversidade funcional e integradas paisaxisticamente coa contorna—, e a construción das redes de abastecemento, saneamento, enerxía eléctrica, iluminación, gas e telecomunicacións.

Tamén está prevista a construción de 1,18 quilómetros do carril bici proxectado en San Paio de Navia, o que supón máis da metade da lonxitude total prevista para esta infraestrutura —2,2 quilómetros—.

Así mesmo, nos últimos dous meses a Xunta tamén adxudicou os contratos correspondentes aos servizos de dirección das obras —por importe de 246.356 euros—, ao control de calidade —adxudicado por 167.708,98 euros— e a coordinación de seguridade e saúde —32.234,4 euros—, de forma que xa están asinados todos os contratos necesarios para impulsar a urbanización desta primeira fase.

A maior bolsa residencial de Galicia

No polígono 1 de San Paio de Navia están proxectadas 733 vivendas protexidas, cuxas obras se poderán ir acompasando ás actuacións de urbanización. Deses inmobles, 207 serán vivendas de promoción pública (VPP) a cargo do IGVS; 331 se construirán a iniciativa de cooperativas e promotores; e 195 corresponden ás permutas de solo.

De feito, este verán o IGVS licitou a construción das primeiras 38 vivendas de promoción pública localizadas no polígono 1 de Navia, por 7,2 millóns de euros, de xeito que as obras de edificación se poidan acompasar aos traballos para urbanizar o ámbito.

Cómpre subliñar que coa adxudicación das obras de urbanización da primeira fase de San Paio dáse un paso decisivo para avanzar no desenvolvemento da maior bolsa de solo residencial de toda a Comunidade.

Así, os tres polígonos que compoñen a ampliación deste barrio vigués abranguen un total de 265.000 metros cadrados nos que se prevé realizar un investimento público-privado de 256 millóns de euros co fin de habilitar un total de 1.600 novas vivendas protexidas na cidade galega que concentra a maior demanda residencial

Data de actualización: 26/10/2023