Remata a fase escrita do recurso da OPP de Burela contra o veto da comisión europea á pesca de fondo no que a Xunta de Galicia participa como coadxuvante

O Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE) informou ás partes do peche da fase escrita polo que concede un prazo de tres semanas para solicitar a celebración dunha vista

O goberno galego comparece no procedemento en calidade de coadxuvante polo impacto negativo desta decisión que afecta directamente a 200 embarcacións e indirectamente a outras 946 de artes menores

Santiago, 26 de outubro de 2023

O recurso interposto pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP-7) de Burela en conxunto con 16 compañías afectadas contra o veto da Comisión Europea á pesca de fondo segue o seu curso coa finalización da fase escrita. A Consellería de Mar, que comparece no procedemento como coadxuvante da parte demandante, veu de presentar un informe no Consello de Goberno da Xunta de Galicia no que se detallan as accións realizadas ata o momento.

No documento destácase o traballo realizado polo goberno galego ante o Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE) rebatendo os puntos con incidencia técnica e científica alegados pola Comisión e o Parlamento Europeo demostrando que o palangre demersal destinado á captura da pescada como especie obxectivo non reúne as condicións sinaladas no Regulamento de base, á vez que esta modalidade de palangre non figura na clasificación establecida sobre a protección dos ecosistemas mariños vulnerables (EMV) de alta mar fronte aos efectos adversos da utilización de artes de fondo. 

Nesta liña as evidencias aportadas polas institucións comunitarias carecen da debida validez polas súas inconsistencias ao non sinalar nada respecto ao palangre demersal. Se ben algunhas estaban referidas ao impacto do arrastre de fondo, unha delas incluso facía unha valoración positiva respecto ao emprego do palangre, que é unha das modalidades de pesca máis selectivas, sostibles e respectuosas co medio mariño.

Desde a Xunta de Galicia sinálase que a controvertida prohibición afecta a 87 caladoiros do Atlántico Nororiental prexudicando a máis dun millar de embarcacións, o que representa o 25% da frota galega, 200 de forma directa e outras 946 de artes menores de forma indirecta. Neste sentido o impacto socioeconómico desta decisión é outro dos apoios nas alegacións presentadas ante o Alto Tribunal xa que o peso do sector pesqueiro na economía galega ten un peso no seu valor engadido bruto (VAB) 25 veces superior ao de a UE e 6 veces superior ao do conxunto do Estado español. Tanto é así que se trata da principal actividade económica nun terzo dos concellos galegos.

Finalizada esta parte do proceso na que as partes presentaron os seus argumentos e as evidencias nas que apoian as súas posturas no litixio, o Tribunal Xeral da Unión Europea abriu un prazo de tres semanas para solicitar a celebración dunha vista. Desde a Consellería do Mar estase traballando en colaboración coa parte demandante na presentación da mencionada solicitude. 

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 26/10/2023