O delegado territorial da Xunta en Ourense participa na lectura do manifesto do Día do dano cerebral adquirido

A Xunta presentará o próximo mes de novembro o Proceso asistencial integrado (PAI) de dano cerebral adquirido

A Consellería de Sanidade, en colaboración con Política Social e Xuventude, deseñou un PAI coa implicación de profesionais das sete áreas sanitarias e de todas as categorías implicadas no percorrido que viven os pacientes polo sistema sanitario durante a fase subaguda e crónica da enfermidade

Ourense, 26 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial, participou esta mañá, dentro do ‘Día do Dano Cerebral Adquirido’, na lectura dun manifesto en favor dos dereitos das persoas e familias con esta lesión.  

Gabriel Alén aproveitou a súa estadía no acto para lembrar que a Xunta presentará o próximo mes de novembro o Proceso asistencial integrado (PAI) de dano cerebral adquirido que servirá para unificar criterios á hora de dar a alta ou de derivar a outros especialistas ás aproximadamente 35.000 persoas que padecen esta lesión en Galicia.

Tras realizar entrevistas con pacientes, familiares que exercen coidados e a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace), - explicou o delegado territorial- a Consellería de Sanidade, en colaboración con Política Social e Xuventude, deseñou un PAI coa implicación de profesionais das sete áreas sanitarias e de todas as categorías implicadas no percorrido que viven os pacientes polo sistema sanitario durante a fase subaguda e crónica da enfermidade, é dicir, persoal de rehabilitación, medicina de atención primaria, terapia ocupacional, neuroloxía, fisioterapia, neurocirurxía, traballo social, internistas, psiquiatras e logopedas.

Así, o PAI de dano cerebral adquirido complementará o Código Ictus, cuxa actualización será presentada este venres.

Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido

O xoves 26 de outubro de 2023 conmemórase o ‘Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido’. Este día foi decretado en 2007 polo Consello de Ministros co obxectivo de visibilizar o DCA e as súas secuelas. Dende entón, esta data axuda a lembrar as necesidades deste colectivo, o respecto aos seus dereitos, a necesidade de seguir a avanzar na súa inclusión social e concluír na mellora da súa calidade de vida.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023