O pavillón municipal dos Tilos en Teo terá nova cubrición financiada pola Xunta con 48.300€

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a alcaldesa Lucía Calvo asinaron o acordo para garantir a impermeabilización e a eficiencia enerxética das instalacións

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

A Xunta financiará a instalación dunha nova cubrición sobre a cuberta do pavillón deportivo municipal dos Tilos, no concello coruñés de Teo, cun investimento de 48.300 euros. Así se estableceu no acordo asinado hoxe polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, nun acto ao que tamén asistiu a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

Trátase así de darlle resposta urxente ás deficiencias que rexistra na actualidade esta instalación deportiva, como son a entrada de auga de chuvia por mor da corrosión da cuberta e a formación de humidade por condensación. Para subsanalas, vaise instalar unha nova cubrición, formada por paneis metálicos sobre a actual cuberta. O obxectivo é garantir a impermeabilización e a eficiencia enerxéticas, a prol da seguridade e o confort das persoas usuarias nunha dotación altamente demandada pola veciñanza.

A iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego coas administracións locais, e especialmente coas localidades de menor poboación, para garantir infraestruturas e servizos municipais de calidade en todo o territorio. Nesta liña de acción, a Xunta ofrece distintas axudas específicas para concellos, como a orde de infraestruturas de uso público ou o Fondo de Compensación Ambiental.

A través destas convocatorias, así como do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, xa se apoiaron neste ano máis de 600 proxectos municipais en toda Galicia cun investimento superior aos 27,2 millóns de euros.

A Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros beneficiou neste ano 104 entidades locais na mellora das súas instalacións para a prestación de servizos básicos, de lecer infantil e familiar, deportivos ou culturais. Pola súa banda, o Fondo de Compensación Ambiental, cun investimento superior aos 8,2 millóns de euros, facilitou actuacións de mellora da contorna natural en 93 concellos ao abeiro da liña competitiva e en 119 ao da liña non competitiva, dirixida a concellos nos que hai parques eólicos.

A maiores, investíronse 15,5 millóns de euros nas distintas liñas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, ás que se puideron acoller a maioría dos concellos.

Data de actualización: 26/10/2023