O Centro Dramático Galego abre o pano do Salón Teatro para o espectáculo “Bailar no ceo”, en coprodución con Xerpo

O proxecto, gañador da segunda edición da Bolsa de Dramaturxia e Creación da compañía da Xunta, poderá verse en Santiago de Compostela este domingo 29

Irene Moreira dirixe a montaxe a partir do texto de Ana Abad de Larriva, inspirado na historia de dous pioneiros da aviación civil en Galicia, José Piñeiro e Chichana Patiño

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, recibe este domingo ás 18,00 horas o espectáculo Bailar no ceo, que a compañía da Xunta de Galicia coproduciu con Xerpo como proxecto gañador da súa II Bolsa de Dramaturxia e Creación. A montaxe leva a escena o texto escrito por Ana Abad de Larriva como vencedora da primeira fase desta mesma iniciativa.

Irene Moreira dirixe esta proposta multidisciplinar, que ofrece un achegamento a dúas figuras pioneiras da aviación civil en Galicia: José Piñeiro, primeiro aviador galego e moi famoso polas súas arriscadas acrobacias aéreas, e Chichana Patiño, primeira muller en pilotar un avión en España e probablemente en Europa.

As interpretacións corren a cargo de Álex Sobrino, Cora Velasco/Rocío Otero e a propia Ana Abad de Larriva, mentres que Beatriz de Vega encargouse do deseño da iluminación, Roi Fernández, da animación 2D e Fran Leboso, do son e proxeccións.

Con Bailar no ceo, Xerpo continúa afondando na súa liña de traballo arredor das novas dramaturxias e as novas tendencias escénicas tanto con espectáculos propios como co labor de programación que desenvolveu ata 2020 á fronte da Sala Ingrávida do Porriño.

Venda de entradas

Tras a súa preestrea en Cangas o 22 de setembro, o espectáculo puido verse en Sanxenxo e Ponteareas antes de recalar en Santiago coa función deste domingo, para a que xa está activada a venda anticipada de entradas en ataquilla.com. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes da función.

Despois desta representación, Bailar no ceo continuará o seu percorrido galego cunha próxima parada no Porriño o vindeiro mes de novembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023