A Xunta colabora na mellora do local social da Asociación de Veciños do Pobo de Serantes en Laxe cunha achega de 6.800 €

A directora xeral de Administración Local visitou as instalacións para comprobar as obras realizadas

O apoio enmárcase no Plan específico de acción comunitaria, dotado cun orzamento de tres millóns de euros

Laxe (A Coruña), 26 de outubro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe en Laxe o local social da Asociación de Veciños do Pobo de Serantes, que acaba de ser reformado co apoio da Xunta no marco do Plan específico de acción comunitaria. O Goberno galego destinou 6.800 euros para a realización de obras a prol dun local máis eficiente, confortable e adaptado ás necesidades da veciñanza.

Os traballos realizáronse este mes e comezaron coa limpeza das paredes e da cuberta para logo pintar esta con caucho impermeabilizante. Tamén se retirou o tellado do local anexo que se utiliza como cociña e colocouse un panel de tella con todos os remates correspondentes. Por último instaláronse novos canlóns. O obxectivo é resolver os problemas de humidades que se viñan rexistrando nas instalacións e que afectaban á salubridade e confort das persoas usuarias.

A directora xeral de Administración Local salientou a importancia de apoiar o asociacionismo local e de facilitarlles espazos axeitados para o desenvolvemento da súa actividade, coa que estas entidades contribúen á dinamización da vida social e cultural da contorna. Nesta liña, Natalia Prieto incidiu no compromiso que vén demostrando a Xunta desde 2016 coa creación do Plan específico de acción comunitaria, dotado este ano con tres millóns de euros e ao que se suman cada exercicio un importante número de colectivos veciñais, de mulleres e de usuarios de augas.

Segundo indicou, a convocatoria de 2023, da que se beneficiou a Asociación de Veciños do Pobo de Serantes, supuxo axudas para 36 entidades coruñesas cun importe global que supera os 270.000 euros. No conxunto de Galicia e desde a posta en marcha da medida, o investimento do Goberno galego supera os 16 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023