A Xunta seguirá a desenvolver en 2024 o programa Retorna Cualifica Emprego para atraer talento galego do exterior e cubrir vacantes nas empresas

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, puxo en valor o programa nunha xornada organizada pola patronal do metal, Asime, e a Fundación Nortempo en Vigo

Vigo, 26 de outubro de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, deu hoxe coñecer o programa Retorna Cualifica Emprego nun foro organizado pola Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas (Asime) e a Fundación Nortempo en Vigo.

Tal e como subliñou a directora xeral, a Xunta de Galicia está a atraer talento do exterior, poñéndose en contacto con persoas que queren regresar a Galicia cun contrato estable, conectando así perfís con distintas cualificacións de fóra con vacantes laborais en Galicia de diferentes sectores.

Este programa autonómico inclúe accións formativas para a adquisición de capacidades relacionadas co posto que se vai ocupar, ao que se incorporarán cun contrato indefinido, puxo en valor Lado. O Goberno galego está a sufragar tamén os gastos de traslado e outorga unha axuda de 1.300 euros para o inicio da vida na nosa Comunidade.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará en 2024 un total de 232 millóns de euros á área de Formación para o Emprego e Orientación. A Xunta seguirá a desenvolver o Programa Retorna Cualifica Emprego que se complementará cun proxecto piloto de arraigamento para a formación de persoas que chegaron a Galicia con necesidades de traballar.

A directora xeral destacou, por outra banda, o interese que a Xunta está a detectar entre os residentes no exterior respecto da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Estes recursos estanse a converter en centros de atracción de iniciativas empresariais dentro e fóra de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023