A Xunta fai un chamamento aos escolares de Cerdedo-Cotobade para que rachen cos estereotipos á hora de escoller unha profesión

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou nunha charla no IES de Cotobade no marco da campaña ‘Ti elixes’, en colaboración coa Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeiras de Galicia (Fearmaga)

Apuntou que o rumbo profesional debe escollerse en función das motivacións e das habilidades de cada persoa, desbotando que non poida haber mulleres en sectores masculinizados como o forestal

Os orzamentos de 2024 inclúen 2,25 M€ para fomentar precisamente a presenza feminina en eidos económicos tradicionalmente ocupados por homes

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 26 de outubro de 2023 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou esta mañá nunha charla no Instituto de Educación Secundaria (IES) de Cotobade no marco da campaña Ti elixes para o fomento da presenza feminina en sectores masculinizados, celebrada en colaboración coa Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeiras de Galicia (Fearmaga). Alí apuntou que o rumbo profesional debe escollerse en función das motivacións, das habilidades, das capacidades e da actitude de cada persoa, desbotando a crenza de que non poida haber mulleres en sectores tradicionalmente ocupados por homes como o forestal.

Nesa liña, a directora xeral animou ao alumnado a rachar cos estereotipos á hora de decidir a que queren dedicar a súa vida laboral. Sinalou que o feito de que en Galicia as mulleres gañen de media uns 5.000 euros menos ao ano cós homes ten que ver con que as profesións tradidicionalmentes escollidas por elas teñen salarios inferiores.

Para romper esa dinámica, Elena Mancha destacou que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o próximo ano 2024 recollen 2,25 millóns de euros para fomentar a presenza feminina en profesións masculinizadas, co obxectivo de formar e contratar unhas 300 mulleres neses eidos económicos.  

Ao tempo, a directora xeral aproveitou a charla para apelar á necesidade de avanzar na conciliación e na corresponsabilidade, para que as tarefas domésticas e os coidados poidan repartirse de xeito equitativo sen recaer de xeito maioritario sobre as mulleres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023