O presidente da Xunta asistiu ao Interreg Anual Event na Cidade da Cultura

Rueda destaca a cooperación transfronteiriza co norte de Portugal como oportunidade de desenvolvemento para a Comunidade galega

Salienta o impacto decisivo dos fondos europeos para a diversificación da economía galega
 

Destaca que Galicia é a rexión que máis creceu en termos de PIB per cápita de toda España, un 3,2 % de media anual entre 2000 e 2021
 

Avanza que o Goberno galego procurará captar unha “parte importante” dos novos fondos europeos do Programa Operativo para novas iniciativas
 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe a cooperación transfronteiriza co norte de Portugal como oportunidade de desenvolvemento para Galicia. Durante a súa intervención na xornada Interreg Anual Event, que se celebra na Cidade da Cultura de Santiago, defendeu a importancia da cooperación entre territorios para acadar obxectivos culturais, educativos, tecnolóxicos e de seguridade. 

A nivel económico, durante súa participación no Interreg -no que estivo presente a comisaria europea de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira-, o presidente galego, incidiu no importante impacto dos fondos europeos para a diversificación da economía de Galicia, á vez que valorou que o Goberno galego “os soubo empregar axeitadamente”.  Así, salientou que Galicia converteuse na rexión que máis creceu en termos de PIB per cápita en toda España, un 3,2 % de media anual entre 2000 e 2021.

O mandatario galego tamén fixo referencia a que a comunidade galega recibiu un total de máis de 32.000 millóns de euros de axudas comunitarias dende 1986 ata finais desta década, un inversión que supuxo melloras en educación, saúde e servizos públicos, entre os que destacou a súa contribución á modernización das infraestruturas “esenciais e de gran nivel” de Galicia.  

Cooperación con Portugal: Obxectivo estratéxico

Para o mandatario galego estes datos demostra que estes fondos teñen sido “decisivos“ para a Galicia actual e para seguir cumprindo con obxectivos “estratéxicos”. Precisamente, entre eles, situou o de seguir mantendo a “cooperación estreita” con Portugal. “Somos 6,5 millóns de habitantes que compartimos moitísimos obxectivos comúns”, argumentou.

Rueda valorou a comunicación “fluída e continua” entre Galicia e o norte deste país desde a desaparición das fronteiras en Europa, en fixo especial mención á importancia dos  intercambios existentes entre ambas rexións no eido turístico, cultural e tamén económico.

Neste senso, definiu a fronteira entre Galicia e o norte de Portugal como a “máis permeable”, en referencia ao importante número de persoas que cruzan todos os días para traballar nun lado e vivir noutro ou o feito de que haxa empresas portuguesas instaladas na nosa comunidade, e viceversa. 

Por este motivo, puxo en valor o feito de que Galicia e o norte de Portugal foron as primeiras en construír unha Comunidade de Traballo en conxunto e foron pioneiras en poñer en marcha unha Eurorrexión, “a máis antiga de Europa”, enxalzou, á vez que salientou os “moitos froitos e pasos cara a adiante” dados grazas ao impulso deste organismo.

Na súa intervención, o presidente da Xunta fixo mención á “aposta decidida” do Goberno luso por comunicar Portugal con Europa a través do tren de alta velocidade e a través da fronteira norte. Un feito que considerou “importantísimo” para Galicia. Neste senso, asegurou que o Goberno galego, xunto co de España, “aproveitará esta oportunidade”. 

Programa Operativo

Finalmente, Rueda salientou os proxectos relevantes para Galicia e Norte de Portugal que teñen sido posibles grazas aos fondos do último Programa Operativo e avanzou que o Goberno galego intentará na nova edición 2021-2027 acadar captar “unha parte moi importante” destas partidas para novas iniciativas, que considerou necesarias para ambas rexións. 

Para concluír, o mandatario galego defendeu que tanto os fondos europeos como a cooperación entre Galicia e norte de Portugal están a demostrar que serven para desenvolvemento de programas dirixidos á creación de emprego, á innovación, á dixitalización, á transición ecolóxica, á protección da biodiversidade, ao reto demográfico, á competitividade das pemes e tamén para contar con capacidade de reacción ante situacións de crise. “E desde Galicia seguiremos aproveitando estas oportunidades”, asegurou. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023