Representantes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería do Mar visitaron a estación

A Xunta expón a representantes europeos o traballo realizado no observatorio costeiro de Cortegada a través dos proxectos Radaronraia e Marrisk

Presentáronse os resultados de ambas iniciativas, que permiten mellorar o coñecemento oceanográfico e medir indicadores do cambio climático nas rías galegas e tamén nas augas do país veciño

Ambos plans son desenvolvidos en colaboración con Portugal no marco do programa europeo Interreg, co que a Comunidade leva colaborando desde o ano 2009

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 25 de outubro de 2023

Representantes da Comisión Europea visitaron o observatorio costeiro de Cortegada para coñecer o traballo realizado pola Xunta en materia de seguimento e recollida de información meteorolóxica.

Da man da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, a delegación internacional tivo ocasión de saber máis sobre as iniciativas de observación oceanográfica e meteorolóxica da Comunidade, as cales se aliñan cos propósitos recollidos na Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050.

Así, coa participación da directoras do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, na visita falouse de proxectos como o RADARonRAIA que, baixo a batuta do Cetmar, permitiu establecer unha infraestrutura física e virtual común a ambos lados da fronteira. Financiado polo programa Interreg POCTEP, permitiu integrar á Rede de Radares de Alta Frecuencia coordinados polo Intecmar unha nova antena en territorio portugués, cuxos datos se gardan agora a diario en Galicia.

Este traballo intégrase dentro do Observatorio Transfronteirizo da Marxe Ibérica-Observatorio RAIA, no que o Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia é unha parte fundamental, e no que colaboran institucións de relevancia no campo da oceanografía operacional a ambos lados da fronteira. A Consellería do Mar é parte activa nesta labor a través da participación de Intecmar e Cetmar.

Tamén se presentaron os resultados do proxecto MARRISK, que permitiu a mellora de infraestruturas de observación como a Plataforma de Cortegada que hoxe é visitada. Ademais, puxéronse en marcha controis de calidade para os datos históricos, conseguindo series temporais de mais de quince anos de duración, claves para o estudio e definición de indicadores do cambio climático nas rías galegas. 

Ambos son proxectos desenvolvidos conxuntamente entre Portugal e o Goberno galego. Concretamente, impulsados no marco do programa Interreg, co que a Comunidade leva colaborando desde 2009 e que ten como obxectivo o desenvolvemento rexional por medio de solucións en favor da sostibilidade.

A directora xeral rematou a visita agradecendo á Comisión Europea o seu interese nas iniciativas do Goberno galego en materia de seguimento climatolóxico e a loita contra o cambio climático, agardando que xurdan novos programas internacionais que permitan continuar avanzando no coñecemento do quecemento global e as súas consecuencias no medio mariño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023