O presidente da Xunta participou na entrega do premio ao liderado empresarial da Confederación de Empresarios da Coruña

Rueda destaca que a nova oficina económica de Galicia servirá de canle única de comunicación coas empresas e industrias para asesoralas e apoialas

Resalta que centralizará á comunicación co tecido produtivo para ofrecer información, acompañamento ou acceso á financiación

Estará adscrita ao Igape e integrada por persoal especializado en diferentes áreas

Enmarca este servizo no obxectivo da Xunta de dar certezas e facilidades ás empresas para investir en Galicia

Oleiros (A Coruña), 25 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca que a nova oficina económica de Galicia servirá de canle única de comunicación coas empresas e industrias. Vai ser o espazo onde promotores do tecido produtivo poderán recibir información, asesoramento, acompañamento ou acceso á financiación, segundo explicou o titular do Goberno galego durante a entrega do premio ao liderado empresarial da Confederación de Empresarios da Coruña que se celebrou esta tarde en Oleiros.

Rueda salientou que a Oficina Económica de Galicia contará con persoal especializado en diferentes áreas para ofrecer asesoramento técnico-económico e apoio administrativo ás industrias. Este servizo estará adscrito ao Igape e integrará a totalidade de funcións das distintas unidades e oficinas actualmente existentes para esta materia. “Será a canle única para a empresa e a industria”, destacou o presidente, quen fixo fincapé en que ofrecerá diversos servizos máis aló de tramitar posibles axudas ou préstamos.

A creación deste novo organismo á disposición do tecido produtivo enmárcase, segundo resaltou Rueda, no obxectivo da Xunta de atraer investimentos empresariais a Galicia. Nesta liña, lembrou que as industrias buscan certezas antes de apostar por desenvolver os seus proxectos nun territorio, algo que ofrece a comunidade galega grazas a estabilidade política ou a aprobar os orzamentos, un ano máis, en tempo e forma.

Premiado

Durante a súa intervención, Rueda resaltou o talante emprendedor do presidente do Grupo Alumán, Manuel Ángel Pose Palleiro, que foi galardoado pola Confederación de Empresarios da Coruña. Ademais, subliñou o carácter innovador do Grupo Alumán sen renunciar aos valores dunha empresa familiar e resaltou a internacionalización deste grupo formado por 15 compañías.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023