A Xunta mantén aberto o prazo para que 200 pemes participen no programa “responsabilízate” que as prepara para enfrontar os retos sociais e ambientais

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou no XII Congreso de corredores e corredurías onde referendou o traballo da Xunta para acadar empresas máis competitivas e responsables co benestar laboral e a diversidade

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou no XII Congreso de corredores e corredurías de Galicia, onde avanzou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto o prazo para que 200 pequenas e medianas empresas participen nunha nova edición do programa Responsabilízate co que quere reforzar a preparación destes negocios para facer fronte ás transformacións inmediatas. 

Tal e como destacou Mancha, o Goberno galego quere empresas “máis competitivas e innovadoras, con capacidade de responder e adaptarse aos retos globais en materia social, ambiental e de bo goberno, sen deixar a ninguén atrás”.

A Xunta de Galicia, a través do programa Responsabilízate avoga polo reforzo da competitividade das pequenas e medianas empresas neste contexto de transformación. Porque, segundo afirmou Mancha, as empresas responsables posiciónanse mellor ante clientes empresa e consumidores finais, captan e reteñen mellor talento e acceden con maior facilidade a fontes de financiación.

Entre as medidas que favorecerán esa transición, tamén aplicables ao mundo dos seguros, Mancha destacou a adopción de boas prácticas ambientais no lugar de traballo ou o impulso da conciliación a través de políticas de desconexión dixital e teletraballo. Fomentar a diversidade dentro do persoal ou contar con protocolos antiacoso son medidas que permitirán avanzar no benestar das organizacións, dixo.

O prazo para a cuarta edición do programa está aberto ata cubrir as 200 prazas dispoñibles a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

Poden beneficiarse pemes e persoas traballadoras autónomas que teñan o seu domicilio social ou conten con centro de traballo en Galicia. Deben ter, polo menos, unha persoa contratada por conta allea, non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior aos 43 millóns de euros.

O programa persegue a abordaxe integral dos aspectos ASG (aspectos medioambientais, sociais e de goberno corporativo) na empresa. As entidades beneficiarias reciben asesoramento dun equipo de consultores expertos, que inclúe unha diagnose individualizada, formación, o deseño dun plan de acción e a implantación das súas primeiras medidas.

Responsabilízate promove o encontro das empresas participantes a través de diferentes accións para que poidan intercambiar experiencias.

As organizacións que superen o programa reciben ademais o Selo empresa responsabilízate, que recoñece o seu papel como axentes creadores de valor compartido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023