A delegada da Xunta destaca a proxección internacional da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia na apertura do curso académico
Ana Ortiz deu a benvida á dramaturga Ana Vallés, que impartiu a lección inaugural, e salientou tanto o intercambio de alumnado con países africanos como a presenza da escola na Cuatrienal de Praga e no Proxecto Nós
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este mércores nos actos de apertura do curso académico 2023-24 da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (ESAD) e destacou a súa proxección internacional con participación en iniciativas como o Proxecto Nós ou na exposición Cuatrienal de Praga.
“A chegada por primeira vez a unha escola española de erasmus africanos de fala portuguesa é sen dúbida un exemplo máis do bo traballo que se realiza e dunha proxección internacional que tamén en este 2023 alcanzou un hito especial coa participación na exposición da Cuatrienal de Praga”, sinalou.
O acto de apertura da ESAD estivo presidido polo seu director, Roberto Relova, e contou coa intervención do coro e de dúas actrices da escola. Ademais, a lección inaugural correu a cargo de Ana Vallés, dramaturga galega de proxección nacional.
A delegada territorial reafirmou o compromiso do Executivo autonómico coa que é unha das catro únicas escolas en España que inclúe na súa oferta educativa tres especialidades de titulación superior: interpretación, escenografía e dirección escénica. A ESAD contará este curso con preto de 200 alumnos matriculado, unha vintena de eles erasmus, e un cadro de 43 profesores.