O conselleiro de Educación inaugura o encontro na Feira Internacional Abanca de Silleda

Case 200 alumnos de 84 centros compiten desde hoxe en 24 especialidades de FP nas Galiciaskills 2023

Un total de 3.000 estudantes de ESO e Bacharelato achegaranse para coñecer estas ensinanzas, nas que a Xunta redobra o investimento ata case os 30M€

Román Rodríguez salienta o crecemento de estudantes nun 85% deste 2008 e a colaboración das empresas como probas da calidade da FP galega

Silleda (Pontevedra), 25 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o 7º Campionato Galego de Formación Profesional Galiciaskills 2023, que se celebra ata o venres no recinto da Feira Internacional Abanca de Silleda. Case 200 estudantes de 84 centros participarán ao longo de tes días nestas olimpíadas da FP, onde competirán en 24 especialidades.

O titular do departamento educativo da Xunta destacou a aposta redobrada do Goberno galego por estas ensinanzas nos Orzamentos 2024 cun investimento de case 30M€. “Isto supón destinar máis do dobre que hai dous cursos e tradúcese en máis recursos, materiais e humanos, e en melloras que impactan directamente nas persoas”, dixo.

Neste sentido, explicou que unha das novidades derivadas deste reforzo orzamentario é que vai permitir eliminar as taxas do procedemento de Acreditación de Competencias Profesionais. ”As persoas traballadoras que queiran acreditar a súan experiencia profesional e validala por módulos de ciclos de FP poderán facelo totalmente de balde, o que vai supoñer un aforro estimado de 86€ por cidadán”, detallo o conselleiro.

Román Rodríguez lembrou o récord de alumnos colleitado este ano pola FP, con 64.570 matriculados, un 85% máis ca en 2008 e sinalouno, xunto cos datos de empregabilidade e confianza das empresas como “exemplos claros de que a FP galega funciona e funciona ben”. “Desde a Xunta imos seguir reforzando a nosa aposta por estas ensinanzas, tanto no económico como en todo o que supoña visibilizar e poñer de relevancia o gran capital humano e o gran potencial innovador que teñen os nosos centros de FP”, rematou.

Actividades de difusión e obradoiros

Galiciaskills 2023 desenvólvense en 24 competicións noutras tantas especialidades nas que o alumnado, co apoio do seu profesorado titor, demostra as súas destrezas a través da realización de diversas probas de habilidades e coñecementos da súa área de formación. Os gañadores da medalla de ouro conformarán a delegación que represente a Galicia nas próximas Spainskills, o campionato que reúne a todas as comunidades.

Ademais das oficiais, celébranse outras oito competicións en formato exhibición para alumnado de ciclos formativos e catro destinadas a alumnado de programas formativos básicos, centrados no alumnado con necesidades especiais de atención educativa.

Durante estes días, alumnos de diferentes centros educativos visitan Galiciaskills para coñecer as posibilidades da FP e descubrir todo o seu potencial práctico, tanto a través do propio concurso como de actividades variadas preparadas para a ocasión. Entre elas, os 3.000 visitantes previstos poden participar en obradoiros de imaxe persoal, reprografía ou experimentar a realidade virtual mediante simuladores. O encontro remata o venres coa entrega de premios, na que participarán tanto estudantes e profesores como os expertos membros dos xurados, patrocinadores e familias.

Éxito internacional

A FP galega ten demostrado o seu éxito a nivel internacional neste tipo de competicións. Non en balde, este mesmo ano Mateo Rubal (IES María Sarmiento, Viveiro), María Emilia Piedra (CIFP Paseo das Pontes, A Coruña) e Sergio Martínez (CIFP Manuel Antonio, Vigo) participaron no campionato europeo EuroSkills, onde o primeiro deles acadou a medalla de bronce en Soldadura. Os outros dous estudantes obtiveron mencións de excelencia nas modalidades de Cociña e de Recepción hoteleira. Ademais, Sergio Martínez obtivo a medalla de bronce no certame mundial WorldSkills e María Emilia Piedra un diploma.

Especialidades en Galiciaskills 2023

Especialidades en competición
Carpintaría
CNC Fresado
Cociña

Coidados auxiliares de enfermaría e atención sociosanitaria

Control Industrial
Desenvolvemento web
Deseño mecánico - CAD
Ebanistaría
Floraría
Fontanaría e calefacción
Instalacións eléctricas
Mecatrónica
Panadaría
Peiteado
Pintura do automóbil
Recepción hoteleira
Refrixeración e aire acondicionado
Reparación de carrozaría
Servizo de restaurante e bar
Soldadura
Tecnoloxía da moda
Tecnoloxía do automóbil
TI Administración de sistemas en rede
Xardinaría paisaxística
Demostracións
Atención dermofarmacéutica
Escaparatismo e comercialización visual
Fabricación aditiva
Tecnoloxía de laboratorio químico
Programas formativos básicos
Peiteado
Reprografia
Servizos de restauración
Xardinaría e viveirismo

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023