A Xunta sitúa a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como referente na cooperación transfronteiriza

O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou na inauguración do Encontro Anual Interreg 202

Santiago de Compostela, 25 outubro de 2023

A Xunta sitúa a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como referente na cooperación transfronteiriza. Máis de 30 anos traballando de xeito conxunto en diversos instrumentos de cooperación contribuíron a mellorar a calidade de vida da cidadanía nas zonas limítrofes, cun elevado grado de cooperación local, favorecido polas afinidades culturais e lingüísticas.

Así o puxo de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante o acto de inauguración do Encontro Anual Interreg 2023, que achega a Santiago de Compostela durante tres días aos responsables dos programas de cooperación territorial europea.

Este encontro procura desenvolver de forma conxunta o potencial dos distintos territorios a través da cooperación e o intercambio de experiencias.

Corgos lembrou que Galicia se sitúa como a rexión que máis medrou en termos de PIB per cápita de toda España, un 3,2 % de media anual entre os anos 2000 e 2021. Para o responsable da Facenda galega, estes datos son un exemplo claro de como a xestión eficaz e eficiente dos fondos europeos redundou na mellora da competitividade, a modernización e transformación da economía galega.

O conselleiro mostrouse convencido de que os recursos da Cooperación Territorial Europea seguirán contribuíndo a reducir as desigualdades rexionais e a avanzar nos obxectivos propios dos seus Programas.

Finalmente destacou a oportunidade que este encontro proporciona para analizar os desafíos futuros aos que se enfronta a Cooperación Territorial Europea e para facer balance da situación actual e dos logros acadados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023