O conselleiro do Mar acudiu a vila noiesa e o director xeral de Pesca reuniuse en Santiago cos Rañeiros e varias confrarías arousáns

A Xunta amosa aos profesionais do marisqueo de Noia e da Ría de Arousa a súa disposición a financiar unha parada temporal da súa actividade

Alfonso Villares sinala que para o Executivo galego é fundamental que este sector funcione e que, en anos atípicos como é o presente, haberá que tomar decisións pero sempre de forma dialogada e en base ao coñecemento

O novo fondo europeo Fempa abre a porta a que os mariscadores a pé se sumen aos barcos e reciban por fin axudas, pero antes o Goberno central ten que aprobar o Real Decreto coa regulación dos paros definitivos e temporais

Noia (A Coruña), 24 de outubro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acudiu hoxe a Noia para atender as demandas dos profesionais do sector marisqueiro despois dun irregular inicio de campaña. Acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, no encontro celebrado na sede da confraría de pescadores noiesa o titular de Mar dialogou cos representantes do sector co fin de coñecer in situ a súa problemática e artellar as medidas que contribúan a paliar a súa situación. Co mesmo obxectivo, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, tamén se reuniu en Santiago coa asociación de Rañeiros de Arousa e varias confrarías das dúas bandas da ría.

A mensaxe que se lle trasladou ao sector foi claro: por parte da Xunta existe a disposición de financiar unha parada temporal da actividade, pero que antes é necesario atender as condicións que marca a entrada en vigor do novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), que abre a porta a que non so as embarcacións, tamén o marisqueo a pé, poida contar con estas axudas.  

Sen embargo, na actualidade estase á espera de que o Goberno central publique o Real Decreto que regule as paradas definitivas e temporais que actualizará as contías de parada por armador e tripulante, e tamén incluirá xa aos mariscadores a pé, para verificar que se poidan cumprir os condicionantes que trae o regulamento para poder acceder a estes apoios. De confirmar que se cumpran estes requisitos regulamentarios e de facer a tramitación encargarase a Dirección Xeral de Pesca.

Pola súa banda, á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e ás xefaturas territoriais corresponderalle a propia regulación da actividade marisqueira, cumprimentando os trámites de verificación e testificación do estado biolóxico dos recursos e das posibilidades de recuperación do recurso.   

A situación do marisqueo nas rías galegas preocupa e ocupa ao conselleiro, para quen é fundamental reunirse cos afectados e continuar así o traballo e os encontros realizados polas direccións xerais e as xefaturas territoriais. Nun ano que, recoñece, non foi propicio para o crecemento dos moluscos, apostou por tomar as medidas que sexan necesarias co fin de recuperar a produtividade e que partan do diálogo, do consenso e o aval científico.

Alfonso Villares sinalou que para a Xunta de Galicia e a Consellería do Mar é fundamental que o sector funcione e, en anos atípicos como é o presente, haberá que tomar decisións pero sempre de forma dialogada e en base ao coñecemento.

Traballos para recuperar a produtividade

No período marcado polo anterior Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) a confraría de Noia recibiu máis do 3 millóns das axudas a proxectos para a mellora dos seus bancos marisqueiros. Nesta zona as mostraxes dos bancos xa anticipaban a alta mortaldade, especialmente no pasado inverno e, máis recentemente, unhas taxas de crecemento moi baixas. Sen embargo, a alta taxa de recrutamento, a máis alta para este molusco que se rexistrase nunca, anticipa que a produción desta especie se podería recuperar en 2024, feito polo que se pensa agora en resgardar esta cría.

En canto á Ría de Arousa, aprobáronse, entre 2017 e 2023, un total de 95 proxectos de conservación e restauración por un importe de case 4 millóns de euros, o que permitiu realizar emendas do substrato mediante arados e aporte de áridos sobre un total de 2,6 millóns de m2 e sementar mais de 52 millóns de unidades de ameixa.

O obxectivo é continuar a traballar para que estas dúas zonas eminentemente marisqueiras de Galicia regresen aos niveis de produtividade e sustentabilidade que as fixeron relevantes en Galicia, España e toda Europa, concluíu o conselleiro do Mar na súa visita a Noia. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/10/2023