A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe coa Asociación de Empresarios de Ribeira

Lorenzana ofrece o apoio da Xunta para a posta en marcha do novo polígono industrial de Ribeira

A conselleira coñeceu de primeira man as demandas dos empresarios para que o proxecto do futuro parque empresarial de Fontelas-Pedras Vermellas, que abrangue unha superficie de máis de 156.800 m², se vexa materializado

Pon á súa disposición as dúas liñas de axudas que xestiona o seu departamento para a habilitación e mellora de infraestruturas e para o reforzo e extensión de redes eléctricas que dan servizo aos parques empresariais

 Salienta que unha das prioridades da Xunta de Galicia é dinamizar a actividade empresarial e captar novos investimentos, para o cal considera que é clave incidir nas políticas de acceso ao solo industrial

 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha xuntanza coa Asociación de Empresarios de Ribeira a quen ofreceu todo o apoio da Xunta de Galicia para a posta en marcha do novo polígono industrial que se vai construír no concello.

Na xuntanza, Lorenzana coñeceu de primeira man as demandas dos empresarios para que o proxecto do futuro parque empresarial de Fontelas-Pedras Vermellas, que abrangue unha superficie de máis de 156.800 m², se vexa materializado.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación puxo á súa disposición as dúas liñas de axudas que xestiona o seu departamento para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais e para o reforzo e extensión de redes eléctricas que dan servizo a estas infraestruturas.

Son apoios, tanto para infraestruturas de acceso como de xestión de residuos, depuración de augas ou sistemas de vixilancia e antiincendios. E, doutra banda, para a construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais que poidan albergar viveiros de empresas.

O Concello de Ribeira, de feito, foi beneficiario da primeira destas ordes de axudas na convocatoria do pasado ano, cun importe de case 42.000 euros, o 80 por cento do investimento subvencionable, para obras que se acometeron no polígono de Xarás.

Lorenzana salientou que unha das prioridades da Xunta de Galicia é dinamizar a actividade empresarial e captar novos investimentos, para o cal considerou que é clave incidir nas políticas de acceso ao solo industrial. Nesta liña, sinalou a importancia de que os polígonos de empresas en Galicia estean dotados das infraestruturas e servizos adecuados para favorecer a actividade das empresas asentadas e das que buscan instalarse nunha área industrial que responda ás súas necesidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2023