A Xunta destaca as sinerxías entre deporte e turismo que abondan en Galicia na presentación dos equipos nacionais de deportes de inverno

O secretario xeral para o Deporte lembra a figura de Manuel Valiñas, único galego en participar nuns Xogos de Inverno en Saraievo 84 e sinala a Martín Souto, que xa participou nuns Xogos da Xuventude, como o seu sucesor

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, agradece á Federación Española de Deportes de Inverno ter escollido Galicia para a presentación dos equipos nacionais
 

Santiago, 24 de outubro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, participaron na mañá de hoxe na presentación dos equipos nacionais da Real Federación Española de Deportes de Inverno 2023-2024 by elPulpo que tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco.

O titular da carteira deportiva da Xunta de Galicia destacou a gran importancia do deporte galego no conxunto do Estado que fixo que nos últimos Xogos Olímpicos de Toquío, “unha de cada tres medallas e un de cada catro diplomas tivese acento galego”. Do mesmo xeito, recordou que o 87,5% dos deportistas paralímpicos regresaron entre os oito mellores do mundo. Neste sentido, Lete Lasa salientou que, para que estes resultados se produzan tamén nos Xogos de Inverno, só hai que estender o éxito do deporte galego durante todo o ano, algo no que a Xunta de Galicia, nomeadamente a través da Secretaría Xeral para o Deporte e a Axencia Turismo de Galicia, xa vén traballando dende hai moitos anos a través da desestacionalización.

Así, o mandatario galego apuntou que o feito de que esta presentación teña lugar en Galicia supón un gran impulso para todos os deportistas galegos que continúan loitando para cumprir o seu soño de participar nuns Xogos Olímpicos de Inverno, como foi o caso de Manuel Valiñas que en 1984 participou no biatlón dos Xogos de Saraievo, converténdose nun auténtico pioneiro. Neste sentido, Lete Lasa destacou a figura de Martín Souto, un rapaz de Bueu aficionado ás carrilanas que en 2016 converteuse no primeiro español que participaba nuns Xogos Olímpicos de Inverno da Xuventude, na modalidade de bobsleigh.

Nesta liña tamén se manifestou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que agradeceu á organización ter escollido Galicia para a celebración desta presentación e axudar así a seguir poñendo á Comunidade galega no foco nacional e internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2023