O Sergas publica a relación definitiva das listas de selección temporal de bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación

Resultaron admitidas 162 inscricións

A categoría con máis aspirantes é a de técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación, con 85 admitidos

É o primeiro proceso de listas para estas categorías

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar, no día de onte, a relación definitiva coa orde de prelación e a puntuación obtidas polas persoas aspirantes admitidas no primeiro proceso de elaboración das listas de selección temporal de dúas categorías: bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación.

Resultaron admitidas 162 inscricións. A categoría con máis aspirantes é a de técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación, con 85 admitidos. É o primeiro proceso de listas para estas categorías.

Sinalar que, encóntrase en tramitación o Decreto de creación destas dúas categorías, o que converterá a Galicia en pioneira na súa regulación. Sen prexuízo desta aprobación, e para conseguir a dispoñibilidade de persoal nestas categorías, o Sergas contará dende hoxe con listas de bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación, data na que entran en vigor as listas segundo o anunciado no Diario Oficial de Galicia.

As bibliotecas do Sergas, cuxo papel na organización foi potenciado coa creación da biblioteca virtual Bibliosaúde por Orde da Consellería de Sanidade do 8 de xuño de 2011 (Diario Oficial de Galicia núm. 124, do 29 de xuño), desenvolven a función esencial de difundir o coñecemento científico-técnico nas ciencias da saúde e poñer a disposición das persoas usuarias información relevante e actualizada para a toma de decisións na práctica clínica, a docencia, a investigación e a xestión.

En correspondencia con ese relevante papel e na procura de impulsalo, o Sergas publica a apertura destas dúas novas listas de selección de persoal estatuario temporal no ámbito da biblioteconomía e documentación.

Tal e como recolle a convocatoria, o persoal bibliotecario e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación exercerá as función inherentes que derivan das súas titulacións de acceso nas bibliotecas do Sergas.

A selección de aspirantes efectuouse consonte o disposto na Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG nº123, do 30 de xuño).

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Próximas publicacións:

Proximamente publicaranse as listas definitivas de: albanel, calefactor, carpinteiro, condutor, costureiro, electricista, enxeñeiro técnico, fontaneiro, grupo de xestión da función administrativa, grupo técnico da función administrativa, lavandeiro, mecánico, pasador de ferro, perruqueiro, técnico de grao medio en prevención de riscos laborais, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico superior en prevención de riscos laborais, técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información e telefonista.

Data de actualización: 24/10/2023