O conselleiro do Mar inaugurou as sesións de traballo do CC Sur en Santiago

A Xunta ve imprescindible o diálogo entre sector pesqueiro, a sociedade civil e a ciencia para contribuír a acadar avances na xestión sustentable dos mares

Os grupos que forman o Consello Consultivo das Augas Occidentais, integrados nun 60 % por profesionais da pesca e nun 40 % por colectivos sociais, elevarán ditames sobre temas que van do Plan de Acción de Bruxelas ás propostas de cotas para 2024

Alfonso Villares enxalza o labor coral que se realizou desde Galicia para, man a man con todos os integrantes da cadea mar-industria, acadar unha posición común e elevar á Comisión Europea unha proposta de actualización das políticas pesqueiras

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe en Santiago na inauguración das sesións de traballo e a benvida dos grupos que integran o Consello Consultivo das Augas Suroccidentais (CC Sur), que durante dúas xornadas se congregan na capital de Galicia para propoñer á Comisión Europea e aos Estados membros ditames sobre a xestión da pesca na área sur do Atlántico Nordeste, que comprende o Golfo de Biscaia, o Cantábrico, augas de Portugal e o Golfo de Cádiz. Un foro ante o que sinalou que é imprescindible reforzar o diálogo entre o sector pesqueiro, a sociedade civil e o mundo da ciencia para, entre todos, avanzar na xestión sustentable dos mares. 

O titular de Mar enxalzou un órgano que, renovado cada catro anos e na actualidade presidido por Sergio López (OPP-7 Burela), está formado nun 60 % por responsables do sector da pesca e nun 40 % por representantes de colectivos civís. Indicou que o diálogo neste órgano persegue unha cuestión fundamental que é acadar unha óptima xestión dos caladoiros e unha política pesqueira común (PPC) que garanta unha explotación ambientalmente sustentable dos recursos biolóxicos mariños e a vez sexa garantía da viabilidade a longo prazo do sector.

Alfonso Villares relatou o traballo realizado man a mano co sector en Galicia que permitiu elevar unha proposta para a PPC que xiraba no reforzo da unidade da UE en torno á pesca, a acuicultura e a transformación dos produtos do mar que, con normas e operativas comúns e igualitarias, preservasen a singularidade de cada Estado membro.

Unha pesca con igualdade de condicións para todos aqueles que queiran vender os seus produtos na UE, control, trazabilidade e a maior seguridade xurídica posible. Tamén defendeu o responsable autonómico a redefinición das zonas altamente dependentes da pesca, como o é Galicia, e que se teña en conta a súa aportación á soberanía alimentaria e o importante valor social e económico que o sector supón para a comunidade.

Ademais de reclamar a adopción de medidas de xestión que permitan mellorar a aplicación da obriga de desembarque de todo o que se pesca, o titular de Mar apuntou que o sector precisa dun criterio de asignación de cotas que se adecúe ao patrón de capturas de cada pesqueira e dun sistema que corrixa os desaxustes do actual. Entre os avances demandados está o establecemento de cotas plurianuais para as especies que o permitan, segundo marquen os informes científicos que deben ser a base do reparto.  

Galicia traballou e traballa, asegurou Alfonso Villares, baixo ese enfoque científico para contar con máis e mellor coñecemento da actividade e, á vez, reforzar a cogobernanza co sector e os seus profesionais á hora de tomar decisións fundamentadas en favor dunha actividade rendible e sustentable.

Por todo isto, con este exemplo de traballo en común e aproveitando a presenza dos representantes do consello consultivo, o titular de Mar reiterou a demanda á Comisión Europea para que fortaleza o diálogo entre os representantes dos grupos de interese da industria, dos grupos de traballadores e da conservación do medio ambiente, debendo levarse a cabo de forma estruturada e equilibrada, aproveitando as institucións xa existentes, como os Consellos Consultivos (CA).

Consensos na UE

O campo de traballo da CC SUR esténdese sobre unha moi ampla zona de pesca, o conxunto do Atlántico Sur, encargándose de propor á Comisión Europea e aos Estados membros os ditames, acadados por consenso, entre os representantes do sector da pesca e da sociedade civil que o integran. De feito, contesta a todas as consultas que lanza Bruxelas, desde as propostas de regulamento ás comunicacións.

Nos dous días de traballo en Compostela este organismo elevará ditames sobre cuestións tan relevantes para a pesca como o plan de acción da Comisión Europea, coa súa intención de vetar as artes do arrastre, ou sobre o proceso de transición enerxética para o sector que propugna tamén Bruxelas. Analizarán ademais a situación de especies que se pescan en augas de Iccat (Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico) como o bonito, o atún e o patudo, ademais de propor un programa de traballo para especies coma o xurel e abordar as futuras cotas para 2024 de capturas tan relevantes en augas comunitarias como a pescada, o peixe sapo ou o linguado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2023