O presidente da Xunta participou na toma de posesión do novo presidente do CES

Rueda destaca o papel do Consello Económico e Social de Galicia como ponte e foro de “escoita, diagnóstico e asesoramento” entre a Xunta e a realidade galega

Eloxia a ampla traxectoria política e a experiencia vencellada co eido laboral de Manuel Pérez, do que dá por seguro que fará un “magnífico labor”

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel do Consello Económico e Social (CES) como ponte e foro permanente de “escoita, diagnóstico e asesoramento” entre o Goberno galego e a realidade do tecido social e produtivo da comunidade. 

Así o puxo en valor durante o acto de toma de posesión do novo presidente da entidade, Manuel Pérez, do que que garantiu que “vai cumprir sobradamente”, desde as súas responsabilidades, con este cometido, xa que gabou a súa “capacidade de escoita” á vez que a súa ampla traxectoria política e a súa experiencia no eido laboral. “É o home ideal”, asegurou, á vez que augurou que fará un “magnífico labor”. 

Na súa intervención, Rueda  agradeceu o labor realizado polo anterior presidente, Agustín Hernández, do que enxalzou que soubo asumir “retos novos moi complicados”. “E todo o fixo ben”, resumiu sobre o seu papel ao fronte do Consello Económico e Social de Galicia. 

“Excelente currículo” de Manuel Pérez na vida pública

En canto ao novo presidente do CES Galicia, incidiu no seu carácter de servizo público e no feito de que asumise esta nova responsabilidade coa decisión de aportar, tras o seu “excelente currículo” na vida pública, en referencia a que foi alcalde de Vigo, conselleiro da Xunta e parlamentario europeo. Á vez, salientou o feito de que grazas a súa experiencia como inspector de traballo ten un coñecemento profuso de todo o vencellado co eido laboral.  

“O Consello Económico e Social tiña un bo presidente e, a partir de hoxe, seguirá a telo”, aseverou para concluír a súa intervención.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2023