O presidente do Goberno galego reuniuse co alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, na rolda de contactos con rexedores das principais cidades galegas tras os comicios municipais

Rueda aposta pola recuperación da Xunqueira de Alba, o impulso ao Gran Montecelo, a vivenda publica en Valdecorvos e a ampliación do polígono do Campiño

Propón ao alcalde que a Xunta afronte os costes de trasladar a unha nova ubicación as instalacións de Infraestruturas de Xunqueira de Alba se o concello asume a titularidade de tres tramos de estradas autonómicas

Asegura que as obras do novo hospital público de Pontevedra estarán rematadas antes dun ano e que esta mesma semana sairán a información pública os proxectos dun aparcadoiro con case 900 prazas e a nova cafetería

Destaca que o Goberno galego destinará máis de 10 M€ á construción de 76 novas vivendas de promoción pública

Subliña o apoio da Xunta á rehabilitación do convento de Santa Clara e que as obras de restauración do Pazo de Lourizán comezarán en 2024

Salienta que é posible iniciar os trámites para o dragado da ría no prazo dun ano se hai acordo co Ministerio sobre onde verter os lodos extraídos
 

Pontevedra, 23 de outubro de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou esta tarde que a Xunta aposta pola recuperación da Xunqueira de Alba, o impulso ao hospital Gran Montecelo, a vivenda pública en Valdecorvos e a ampliación do polígono do Campiño coma cuestións prioritarias para a cidade de Pontevedra. Así llo trasladou ao alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, durante un encontro enmarcado na rolda de reunións con rexedores das principais cidades galegas tras os comicios municipais que definiu coma “positivo e satisfactorio”.

Rueda transmitiu ao rexedor o compromiso do Goberno autonómico coa recuperación e rexeneración dos espazos que configuran a Xunqueira de Alba. O presidente lembrou que na actualidade hai dúas instalacións da Xunta nesta zona: unha dependente da Consellería do Medio Rural que vai trasladarse a Lalín -para centralizar alí os servizos de parques e talleres para esta zona da comunidade- e outra da Consellería de Infraestruturas, pendente aínda de atopar unha nova ubicación á que trasladarse.

A Xunta ten comprometidos un millón de euros para a recuperación e o presidente instou ao alcalde a chegar a un acordo para a reubicación das instalacións de conservación de estradas que a Axencia Galega de Infraestruturas ten nesa zona. “A proposta que facemos é que a Xunta afronta os custes de abandonar e rexenerar esa zona, buscar unha nova ubicación e construír unha nova nave a cambio de que o Concello asuma a titularidade de tres tramos de estradas que, pese a ser autonómicos, son moi urbanos”, indicou Rueda, quen precisou que se trata da estrada que une Pontevedra-Marín, dos accesos a Montecelo e do tramo que vai a San Benitiño de Lérez.

Gran Montecelo

Ambos abordaron tamén a obra do hospital Gran Montecelo, no que o Goberno autonómico realizará un dos investimentos máis importantes con 138 M€. Neste sentido, Rueda salientou o avance das obras e resaltou que as previsión é poder ter rematada as actuacións antes dun ano. Ademáis, destacou a renovación do equipamento do centro que xa se está a levar a cabo tanto no novo edificio –con dous aceleradores lineais, unha gammacámara para o servizo de medicina nuclear, ou un equipo de cardioloxía intervencionista para hemodinámica– como no actual hospital pontevedrés –dous TACs– que xa están en funcionamento. “Imos facer un gran hospital para toda a área de Pontevedra que vai ser un centro de referencia por moitos anos e supoñer un antes e un despois na sanidade pública de esta área”, indicou.

Así mesmo, o titular do Goberno galego explicou que o aparcamento do novo complexo, no que se investirán máis de 10 millóns de euros e que contará con case 900 prazas multiplicando por catro a súa capacidade actual e contará con tarifas reducidas, está preparado para saír a información pública. A Xunta tamén traballa xa no proxecto para construír unha nova cafetería neste hospital na que se investirán 4 millóns de euros.

Vivenda

O presidente tamén trasladou ao alcalde o compromiso da Xunta de ampliar o número de vivendas públicas na cidade coa construción de 76 inmobles en Valdecorvos. Un proxecto ao que o Goberno autonómico destinará 10,4 millóns de euros e que arrancará xa o vindeiro ano, cando están orzamentados 1,5 millóns.

Solo industrial

A ampliación do polígono do Campiño foi outro dos temas que se trataron na reunión desta tarde, algo que agora mesmo suporía afeccións sobre gasodutos e zonas de protección de canais e restos arqueolóxicos.

Con todo, Alfonso Rueda manifestou a predisposición da Xunta de estudar dita ampliación do parque en función do determinado no seu plan sectorial e tendo en conta as afectacións referidas.

Saneamento da ría

Durante a reunión, ambos dirixentes abordaron o saneamento da ría de Pontevedra, sendo esta unha prioridade para a Xunta que leva 30 millóns de euros investidos en actuacións executadas ou en marcha. Con todo, lembrou que o Concello tamén ten responsabilidades e é necesario que acometa importantes actuacións que están pendentes e que son necesarias para o bo estado da ría.

En canto á súa dragaxe, o presidente explicou que agora mesmo está pendente a realización dun estudo de alternativas de puntos de vertedura para trasladarllo ao Ministerio, logo de que este rexeitara a proposta inicial da Xunta, o que dilatou os tempos. En calquera caso, Rueda salientou que o obxectivo do Goberno autonómico é chegar a un acordo sobre onde poden verterse os lodos para “no prazo dun ano” poder iniciar os trámites para realizar este dragado que, segundo explicou, tería un coste de “6 millóns de euros”, pero que podería incrementarse ata os 8 millóns no caso de demorar o comezo dos traballos.

Restauracións de bens

Durante o encontro, Rueda fixo referencia á recuperación do Pazo de Lourizán como un fito destacado no futuro da cidade e anunciou que as obras da súa restauración comezarán o vindeiro ano. Está previsto que se adxudique este mesmo ano o concurso de ideas para afrontar despois os gastos de redacción do proxecto básico e de execución dun proxecto para o que a Xunta reservará 1,2 millóns nos orzamentos do vindeiro ano.

Ademais, o presidente do Goberno galego trasladoulle ao rexedor pontevedrés o apoio da Xunta ao proxecto de rehabilitación do Convento de Santa Clara que está enriba da mesa, aínda que lembrou que os detalles deben ser tratados coa Deputación provincial que é quen ten a responsabilidade sobre o proxecto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2023