A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, asistiron esta tarde aos actos, que tiveron lugar no colexio Salesianos

A Xunta participa na conmemoración do 30 aniversario da Federación Don Bosco en Galicia

O Executivo autonómico destaca a vocación protectora e solidaria da entidade, así como o seu traballo pola participación social da xuventude

Ourense, 23 de outubro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta tarde á celebración do 30 aniversario da Federación Don Bosco en Galicia, entidade da que destacou que naceu coa vontade de protexer e estender a solidariedade do ser humano. Os actos conmemorativos desenvolvéronse no colexio Salesianos e contaron coa participación do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén.

Cristina Pichel apuntou que nos últimos anos a Xunta de Galicia deu un forte impulso á promoción da acción voluntaria, co obxectivo de que todas as persoas que o desexen poidan compartir o seu coñecemento, o seu tempo e a súa bondade con aqueles que máis o necesitan. Neste sentido, referiuse a programas como o voluntariado interxeracional, para que a xente moza e as persoas maiores compartan experiencias e demais actividades de ocio educativo nas que se fomenta a adquisición de valores. Así mesmo, destacou outros proxectos nos que colabora tamén activamente a Federación Don Bosco, como é Iniciativa Xove ou os programas de voluntariado europeo.

A directora xeral destacou que esta aposta polo voluntariado reflíctese no feito de que, a datos de finais do ano pasado, Galicia contaba xa con preto de 55.000 persoas voluntarias e cun milleiro de entidades rexistradas oficialmente. Ademais, indicou que están ultimando dous novos documentos que guiarán as políticas xuvenís e de voluntariado dos vindeiros anos: o novo Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia e a Estratexia de Acción Voluntaria, ambos cun horizonte ata 2027.

Por último, tamén lembrou que o novo Decreto en materia de xuventude será aprobado en breve e permitirá actualizar e adaptar a normativa sobre formación e actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil á realidade actual.

Data de actualización: 23/10/2023