A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou o espazo recuperado tras a eliminación dun destes vertidos

A Xunta inviste máis de 235.000 euros na eliminación de puntos de vertido incontrolados no concello de Lalín

Ángeles Vázquez avanza que o parque empresarial Lalín 2000 contará o vindeiro ano cunha partida orzamentaria de máis de 3 M€ para acometer a súa ampliación

Lalín (Pontevedra), 23 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia investiu este ano máis de 235.000 euros na eliminación de eliminación de puntos de vertido incontrolados nos lugares de Vilanova, Mato-Santiso, O Seixo-Santiso, Filgueira, Goiás e Maceira, no Concello de Lalín, segundo dixo hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

Durante unha visita ao espazo recuperado no lugar da Maceira, a vicepresidenta segunda subliñou que desde 2014 se eliminaron “máis de 1.200 puntos de vertido incontrolado que permitiron recuperar un total de 81 hectáreas” en 152 concellos diferentes por un importe de 8,43 M€.

 

Nese senso, Ángeles Vázquez puxo en valor que a limpeza destes espazos permite minimizar e corrixir a afectación causada, logrando tanto a restauración da contorna como a previsión de novos amoreamentos ao acadar tamén a eliminación do hábito de depositar lixo neses lugares. De feito incidiu en que o obxectivo do Goberno galego é que non haxa nin un só punto de vertido incontrolado na Comunidade.

 

Nesa liña, aínda que a competencia sobre os residuos dos vertidos incontrolados corresponde aos concellos, o Goberno galego vén prestando apoio ás entidades locais mediante a realización de actuacións de recuperación ambiental de espazos degradados. E, ademais de reverter a degradación ambiental tamén se promove a correcta xestión dos residuos mediante a súa reciclaxe.

 

Parque empresarial Lalín 2000

Por outra banda, durante a súa visita a este concello pontevedrés, a vicepresidenta segunda avanzou que o parque empresarial Lalín 2000 contará o vindeiro ano cunha partida orzamentaria de máis de 3 millóns de euros para acometer a súa ampliación.

 

A maiores, Ángeles Vázquez anunciou que, unha vez concluído o proceso medioambiental coa recepción do último informe sectorial, nos próximos días se licitará o proxecto de urbanización coa previsión de comezar as obras antes de que remate o primeiro semestre de 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2023