Lorenzana salienta que o proxecto de Greenalia e P2-x en Curtis posiciona a Galicia a nivel europeo

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou na presentación da iniciativa, que se centrará na produción de e-fuel e suporá 200 millóns de euros de investimento na súa primeira fase
 

Subliña que para o desenvolvemento deste proxecto é fundamental a actualización da planificación eléctrica que a Administración autonómica vén demandando ao Goberno central de forma continuada
 

Lembra que a prioridade da Xunta é dar a máxima celeridade aos trámites administrativos e que os proxectos industriais declarados estratéxicos terán garantido un prazo máximo de tramitación dun ano

 

 

 

Curtis (A Coruña), 23 de outubro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou nunha visita á planta de biomasa de Greenalia en Curtis (A Coruña) que o proxecto Breogán, que impulsa a compañía enerxética xunto con P2-X Europe, posiciona a Galicia no contexto europeo, non só no uso das enerxías renovables senón na utilización de outro tipo de enerxías e procesos industriais, ao empregar o hidróxeno verde e tamén CO2 para a produción de e-fuel. A planta presentada hoxe, na súa primeira fase, suporá 200 millóns de investimento e contempla a creación de 40 empregos directos.

Na súa intervención, Lorenzana destacou o peso que se lle está dando desde o Goberno galego ás renovables e ao binomio enerxía- industria. A conselleira subliñou que a maiores de cumprir cos obxectivos de descarbonización, é fundamental achegar á industria uns prezos enerxéticos competitivos, tanto para que as empresas que están na Comunidade se queden como para atraer novos investimentos empresariais.

Tal e como lembrou Lorenzana, para o desenvolvemento industrial de Galicia como para o proxecto que Greenalia e P2-X estudan levantar en Curtis é determinante a actualización da planificación eléctrica, algo que a Xunta vén demandando ao Goberno central de xeito continuado, e ao que se comprometeu recentemente o ministro de Industria na reunión co presidente da Xunta e a propia conselleira. En concreto, para este proxecto será necesario ampliar a subestación de Sidegasa.

Lorenzana lembrou que a prioridade da Xunta é dar a máxima celeridade aos trámites administrativos e que os proxectos industriais declarados estratéxicos teñan garantido un prazo máximo de tramitación dun ano. De feito, declararanse proxectos industriais estratéxicos aqueles que conten cun investimento inicial de 2 millóns de euros, xeren como mínimo 25 empregos directos e teñan unha clara incidencia territorial.

Tal e como salientou a conselleira de Economía, Industria e Innovación, o proxecto presentado hoxe responde “ao que ten que ser a industria e a enerxía a día de hoxe”, e vai contar co apoio da Xunta desde o punto de vista administrativo, con celeridade e seguridade xurídica; e por suposto en todo ao que ten que ver co desenvolvemento da renovables en Galicia. “Somos unha potencia e temos que continuar séndoo, e imos estar aí desde o punto de vista lexislativo e do desenvolvemento da política industrial, enerxética e económica”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2023