Román Rodríguez subliña que a Consellería terá en 2024 o orzamento máis alto da historia por cuarto ano consecutivo

O representante autonómico destaca na inauguración da xornada de formación para o profesorado sobre lingua e literatura que o seu departamento contará con case 3.000M€, un 2,8% máis que no pasado exercicio

Participan nesta actividade as dúas premios nacionais galegas deste ano, Paula Carballeira e Yolanda Castaño, ás que o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades entregou un recoñecemento
 

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contará en 2024 co orzamento máis alto da súa historia por cuarto ano consecutivo. Trátase dunha suba que eleva ata os case 3.000 M€ as contas deste departamento da Xunta de Galicia, o que supón un incremento do 2,8% en relación ao pasado exercicio.

Así o destacou hoxe o titular da Consellería, Román Rodríguez, na inauguración da xornada de formación para o profesorado A educación literaria que reúne na Cidade da cultura as dúas premios nacionais galegas deste ano, Paula Carballeira e Yolanda Castaño, así como a reputados autores como María Solar, Nando López, Thibaut Deleval, Asís G. Ayerbe, Piu Martínez, Raúl Vacas, Fran Guede e Rocío Romero.

No acto, o conselleiro aproveitou a ocasión para felicitar ás dúas autoras polo recoñecemento e reivindicar “o cultivo da nosa lingua como o mellor vehículo de expresión literaria”. “A educación literaria é esencial para espertar novas sensibilidades, enriquecer o aprendizaxe, estimular o hábito lector entre os máis cativos e garantir un futuro talentoso para a nosa literatura”, afirmou Román Rodríguez. 

Estas xornadas de formación docente teñen como finalidade axudar ao profesorado de ensino non universitario a recoller ideas e prácticas de interese arredor da lingua e a literatura, orientadas tanto ao galego como ao castelán. En concreto, a presente edición busca dar a coñecer pautas didácticas arredor da aprendizaxe e ensino da linguaxe literaria e revisar os conceptos de lectura, escritura e competencia dixital neste eido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2023