Román Rodríguez saúda aos alumnos do ciclo de automoción especializado en vehículos de competición, que participan no 45 Rally San Froilán

O conselleiro de Educación sinala que esta cita é unha “moi boa oportunidade” para que estudantes tomen contacto co sector da competición automobilística

O CIFP As Mercedes completou as 18 prazas ofertadas nestas ensinanzas pioneiras, “o que dá boa conta do interese que esperta entre os mozos”, sinalou
 

Lugo, 21 de outubro de 2023

Con motivo da celebración do 45 Rally San Froilán, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, aproveitou para saudar en Lugo aos 18 alumnos do ciclo superior dual de Automoción especializado en vehículos de competición do CIFP As Mercedes, unha titulación de alta especialización que se estrea este curso en Galicia e que “completou todas as prazas, o que dá boa conta do interese que esperta entre os mozos”, sinalou.

O representante da Xunta enxalzou a participación dos estudantes deste ciclo nesta proba deportiva como unha “moi boa oportunidade” para que tomen contacto co sector da competición automobilística, un exemplo de que a FP Galega prepara ao alumnado para atender os retos e situacións reais que aborda o mundo laboral.

De feito, durante esta fin de semana este grupo van poder traballar en directo coas nove empresas especializadas que colaboran neste ciclo dual e que están presentes no rally.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2023