O conselleiro do Mar visita as instalacións do Centro de Investigacións Mariñas en Corón

A Xunta aborda co sector miticultor o posible adianto da campaña de extracción da mexilla sempre que os informes científicos avalen que se pode dar este paso

Alfonso Villares destaca o coñecemento que xurde de centros de investigación de referencia a nivel europeo como o CIMA ou o Intecmar, que aportan unha base sólida para a toma de decisións que optimicen a xestión dos recursos pesqueiros

As mostraxes realizadas polos equipos do centro de Vilanova co apoio da Fundación Cetmar e técnicos da Consellería certifican que existe abundancia de semente de mexillón, con áreas onde a cobertura das rochas acada ata o 90 %
 

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 20 de outubro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) en Corón, na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa, onde quixo destacar o traballo deste centro de investigación e outros como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia-Intecmar ou o centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar á hora de transmitir coñecemento ao sector e á propia Administración para garantir a toma de decisións que optimicen a xestión dos recursos pesqueiros. No caso da semente do mexillón, os datos aportados desde estes organismos científicos permitiron abrir a porta a que se fale co sector miticultor dun posible adianto da campaña de recollida da mexilla das rochas.

Unha decisión que recoñeceu que está sobre a mesa, pero que en todo caso se debe abordar analizando si os datos que aportan os expertos do mundo da ciencia así o aconsellan. Na visita ao CIMA o titular de Mar estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e exerceu como anfitrión o director do centro, Carlos Gabín, quen aportou a visión científica.

O investigador expuxo que o control de máis de 600 puntos de mostraxe realizado polo equipo do Cima e os da Fundación Cetmar permitiron concretar que existe abundancia de mexilla, con áreas onde a cobertura se sitúa no 80-90%. Gabín recoñeceu que os datos de Intecmar e a Universidade de Vigo permitiron constatar unha actividade reprodutora continua no que vai de ano que podería vir motivada polas condicións climatolóxicas.

Os bateeiros tamén apreciaron maiores desoves e agora presencia de semente nas rochas, o que leva a que demanden poder comezar canto antes a súa recolección. Alfonso Villares recoñeceu que “é o que estamos a valorar, falando co sector e cos expertos do CIMA e outros organismos científicos para fundamentar, en base a todos os datos que hai, as decisións a tomar”. O conselleiro do Mar sostén que constitúe un gran paso adiante que o coñecemento real da situación, con base científica, se transmita a todos os implicados co aval duns centros de investigación de referencia como os que ten Galicia, que demostraron que son capaces de traballar man a man cos produtores. “O sector tamén ten claro que este é o xeito de traballar”, sinalou.

Para o titular de Mar ten claro que “o obxectivo é transmitir que tanto Administración como o sector estamos do mesmo lado”, e por iso defende as continuas reunións con todos os axentes implicados, pois permiten “dar a ver que o ben do sector é o ben da Xunta de Galicia e o ben de todos os galegos”. Nestas roldas de contactos aspira a que se traballe para acadar un plan da mexilla “que sexa consensuado entre todos e baseado en datos técnicos e científicos, obxectivos e que se poidan medir”.

Alfonso Villares visitou o CIMA de Corón a mesma semana en que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) presentaba neste mesmo lugar os resultados dun proxecto pioneiro a nivel mundial para mapear as rías galega utilizando vehículos aéreos non tripulados e intelixencia artificial. Os modernos medios e a tecnoloxía utilizada foron aplaudidos polo conselleiro, quen destacou tamén o obxectivo da iniciativa, que é elaborar unha plataforma de datos históricos co obxectivo de coñecer con detalle onde está e como é a mexilla coa que os bateeiros deben nutrir as súas cordas.

O responsable de Mar xa visitara estas instalacións de Vilanova para poñer en valor o traballo desenvolvido polo CIMA que fixo posible constatar a viabilidade de producir semente de mexillón en criadeiro, que se proba pola entrega de 11 millóns de unidades de cría ao sector no último ano. Desde o ámbito privado, tamén destaca a importancia dos avances na captación de mexilla a través de cordas colectoras para contribuír a fornecer de semente ao sector e reducir así a dependencia das rochas.

Situación do libre marisqueo

A preguntas dos xornalistas Alfonso Villares recoñeceu que está sendo un ano atípico en zonas marisqueiras de Galicia onde hai dificultades para o crecemento dos bivalvos.  Mostrou a súa intención de potenciar os contactos que xa existen entre a Consellería e os afectados e abordar as medidas que se deben tomar, pero sempre seguindo o criterio antes exposto para a miticultura: debe haber consenso e estar a ciencia de por medio.

“Imos a poñer ao dispor do sector máis ciencia e máis investigación, intentar ter máis datos e coñecemento da situación e, a partir de aí, tomar a mellor decisión para todos”, dixo. Porque o obxectivo para o titular de Mar e claro: “á xente que vive do marisqueo ten que irlle ben, porque si lle vai ben a eles iralle ben a Galicia". Para a Xunta de Galicia “é fundamental que o sector funcione”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 20/10/2023