A Xunta pon en valor o traballo dos 100 farmacéuticos de atención primaria na mellora da seguridade no uso dos medicamentos

O Goberno galego creou nesta lexislatura 28 novas prazas de farmacéuticos de atención primaria, o que permitiu acadar o cento de profesionais desta categoría en Galicia

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, destaca a presenza de todas as xeracións responsables da subdirección de Farmacia no acto conmemorativo do 25 aniversario do Farmacéutico de Atención Primaria en Galicia

Durante o ano 2022, os farmacéuticos de Atención Primaria do Sergas, atenderon un total de 107.695 consultas demandadas directamente polos seus usuarios

Aboal salienta que o labor dos especialistas en Farmacia permitiu garantir a continuidade da prestación farmacéutica a 264.000 pacientes crónicos
 

Sanxenxo (Pontevedra), 20 de outubro de 2023

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, inaugurou está tarde as IV Xornadas da FAPsGAL (Asociación de Farmacéuticos de Atención Primaria de Galicia) sobre Seguridade Fármaco Terapéutica. No acto, puxo en valor o traballo que realizan os profesionais desta especialidade no asesoramento e revisión da medicación da poboación galega, así como a súa contribución por mellorar a seguridade no uso dos medicamentos.

Durante o ano 2022, os farmacéuticos de Atención Primaria das distintas áreas sanitarias, atenderon un total de 107.695 consultas demandadas directamente polos usuarios do Servizo Galego de Saúde.

Segundo apuntou o responsable do Sergas, o labor dos especialistas en Farmacia “foi fundamental para garantir a continuidade da prestación farmacéutica a 264.000 pacientes crónicos”, un traballo que xerou un total de 2,5 millóns de receitas ao longo dos 3 últimos anos.

Na compaña da subdirectora xeral de Farmacia, Silvia Reboredo; o director xeral incidiu na importancia que posúe a atención e colaboración farmacéutica dentro do sistema sanitario, destacando que “a revisión clínica da medicación e a actualización da folla de medicación activa”, redunda na calidade asistencial dos pacientes da rede sanitaria pública galega.

25 aniversario do Farmacéutico de Atención Primaria en Galicia

No transcurso das IV xornadas da FAPsGAL tamén se conmemorou o 25º aniversario do Farmacéutico de Atención Primaria en Galicia, pois foi no ano 1998 cando tomaron posesión das súas prazas os sete primeiros especialistas en Farmacia de Atención Primaria en Galicia.

Nesta liña, o responsable do departamento sanitario do Sergas destacou a presenza de todas as xeracións responsables da subdirección de Farmacia durante o acto conmemorativo. Nomeadamente, asistiron ao mesmo, Teresa Chuclá Cuevas; Carolina González-Criado, e a actual subdirectora xeral de Farmacia, Silvia Reboredo.

Do mesmo xeito, Jorge Aboal salientou a ampliación de recursos e persoal que a Xunta está a facer no eido farmacéutico do primeiro nivel asistencial do Sergas. Así, precisou que o Servizo Galego de Saúde conta na actualidade cun total de 100 farmacéuticos, tras a dotación de 28 novas prazas na presente lexislatura.

Durante as xornadas de hoxe e mañá, Sanxenxo acollerá a especialistas en Atención Farmacéutica para abordar os últimos avances, novidades e resultados vencellados a este ámbito sanitario. Así, entre outros, analizaranse os principais retos que presentan as terapias a nivel individual; compartiranse as experiencias rexistradas na implantación dos Programas de Resistencia aos Antibióticos (PROA), e exporanse os resultados dos diferentes programas sobre a seguridade farmacoterapéutica, nos que de xeito multidisciplinar, participa o persoal farmacéutico de Atención Primaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023