A Xunta promove o selo de calidade Artesanía Alimentaria cunhas xornadas técnicas
A Axencia Galega de Calidade Alimentaria organiza unhas xornadas técnicas para a promoción desta nova figura de calidade diferenciada
Esta iniciativa chegará aos concellos de Betanzos, Lugo, Allariz, Pontevedra e Santiago de Compostela neste mes de outubro e en novembro
Entre os participantes atópanse empresas artesanais, tendas gourmet e bloggers gastronómicos que achegarán os seus coñecementos e experiencias na produción e comercialización de produtos artesáns
A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, levará a cabo unhas xornadas técnicas para promocionar a nova figura de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria. A Axencia dará a coñecer este distintivo e a importancia do produto alimentario artesán como alimento de calidade coas Xornadas Artesanía Alimentaria 2023, que terán lugar en varios concellos galegos.
Este ciclo de xornadas comezarán o vindeiro martes, 24 de outubro, no Liceo Arquivo de Betanzos, para continuar en Lugo o día 26, na Praza de Abastos. No mes de novembro, esta iniciativa de promoción trasladarase ata Allariz o día 7, no Salón de Actos do propio Concello, ao recinto feiral de Pontevedra o 13 e rematará no Museo Pedagóxico de Galicia, en Santiago de Compostela, o día 29.
A Axencia Galega de Calidade Alimentaria pretende, con esta iniciativa, expoñer os requisitos normativos, os procedementos para rexistros e as vantaxes de pertencer á Artesanía Alimentaria, ademais de presentar outras figuras de calidade diferenciada ou certificacións públicas.
Entre os participantes atópanse empresas artesanais, tendas gourmet e bloggers gastronómicos, que achegarán os seus coñecementos e as súas experiencias na produción e comercialización de produtos alimentarios artesáns aos asistentes a estas xornadas de promoción.
Por último, esta iniciativa pretende converterse nunha xornada para o coñecemento mutuo e o intercambio de ideas e proxectos entre empresas artesanais e tendas gourmet. Por iso, tanto operadores de Artesanía Alimentaria como as tendas poderán participar nun espazo de encontro que se deseñará para tal fin.
Lei de calidade alimentaria
Este tipo de propostas poñen en valor a calidade dos produtos galegos, algo polo que a Xunta aposta decididamente. Exemplo diso é a nova Lei de calidade alimentaria, que está en tramitación no Parlamento, e que busca dotar aos produtos alimentarios galegos dunha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva.