A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu hoxe a unhas xornadas sobre este trastorno organizadas pola Asociación TDAH Salnés

A Xunta avoga por afondar no coñecemento do TDAH para dar unha mellor resposta ás necesidades das persoas que o padecen

Destaca a importancia de apoiar e orientar ás persoas con este trastorno e ás súas familias para que poidan xestionar todas as situacións ás que se teñan que enfrontar

Cambados (Pontevedra), 21 de outubro de 2023

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe a importancia de achegar ao conxunto da sociedade en que consiste o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), porque canto máis se coñeza del máis doado será afrontalo e avanzar na plena integración e desenvolvemento das persoas que o padecen. Así o sinalou nas VII Xornadas ‘Ti tamén formas parte do TDAH’, organizadas pola Asociación TDAH Salnés no Auditorio da Xuventude de Cambados.

A directora xeral manifestou que encontros como este contribúen a dar máis visibilidade, informar e formar sobre este tipo de trastorno. Ademais, sinalou que é fundamental apoiar e orientar ás persoas con este trastorno e aos seus familiares para que poidan xestionar todas as situacións ás que se teñan que enfrontar.

Neste sentido, Begoña Abeijón fixo fincapé na importancia da atención temperá para previr e canalizar trastornos no comportamento, así como na aposta da Xunta por estes recursos, pasando a contar hoxe en día con 46 unidades que dan servizo a 200 concellos e 5.000 nenos.

Na xornadas de hoxe participaron profesionais de distintos ámbitos que deron unha visión global do TDAH e a súa incidencia tanto na infancia, como na adolescencia e a vida adulta. Tamén abordouse, de maneira especifica o TDAH nas mulleres e persoas con este trastorno compartiron as súas experiencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2023