Rivo destaca a importancia das voces femininas do audiovisual para derrubar barreiras de xénero

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade participou na entrega dos III Premios Mulleres no Foco, organizados pola Deputación de Pontevedra en cotaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais

Puxo en valor o traballo das creadoras para narrar a complexidade do ser humano en toda a súa diversidade

O orzamento para a área de Igualdade subirá o ano que ven un 13,65% ata rozar os 54 millóns de euros

A Xunta de Galicia porá en marcha en 2024 un plan de formación e contratación para a incorporación de mulleres en actividades fortemente masculinizadas, ao que destinará máis de 2,2 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto de entrega dos III Premios Mulleres no Foco que organiza a Deputación de Pontevedra coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais, para recoñecer o labor das profesionais do sector do audiovisual no eido da igualdade e no impulso do emprego feminino.

Rivo destacou a importancia das voces femininas do audiovisual “para narrar a complexidade do ser humano en toda a súa diversidade”. Dedicou os seus parabéns ás tres premiadas na gala e ao conxunto das nominadas, por inspirar a futuras xeracións de creadoras e por demostrar, con feitos, que as barreiras de xénero neste sector “están feitas para ser derrubadas”.

O certame recibiu vinte candidaturas nas modalidades de fotografía, dirección e produción que amosan o dinamismo do sector e a creatividade das profesionais. As propostas foron presentadas por entidades locais, culturais e profesionais do audiovisual co obxectivo de brindar recoñecemento a perfís con perspectiva de xénero, a impulsoras do emprego feminino no sector e a mulleres con talento ou con traxectoria destacable.

A Xunta de Galicia está a deseñar medidas para a igualdade plena no eido laboral e social. No ámbito audiovisual, a Secretaría Xeral da Igualdade apoiou este ano a Residencia do Festival Internacional de Cinema de Bueu, un programa formativo desenvolvido con 4 cineastas na Illa de Ons co propósito de favorecer a participación e o impulso dos traballos cinematográficos en feminino.

En 2024, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contará cuns orzamentos expansivos para a igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Acadaranse os 53,9 millóns de euros, que supoñen un incremento do 13,65% respecto de 2023

Mulleres en sectores masculinizados

A Xunta de Galicia porá en marcha, así, o ano que vén, un plan de incentivos para empresas para formar e contratar mulleres en sectores fortemente masculinizados. Destinará máis de 2,2 millóns de euros para formar e contratar unhas 300 mulleres para que se incorporen a sectores laborais nos que teñen pouca presenza. O mundo dixital e das novas tecnoloxías son algún dos campos nos que as mulleres aínda están infrarrepresentadas.

En paralelo, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade seguirá a impulsar plans de igualdade empresariais, medidas de conciliación e campañas, como Ti Elixes, nas que se pretende sensibilizar a nenas e mozas de que poden elixir a ocupación que desexen, sen estereotipos de xénero.

Rivo incidiu, para rematar, na necesidade de que a sociedade recoñeza a forza do cinema en feminino e a apoie. Felicitou ás nominadas na gala da Deputación de Pontevedra
pola súa paixón e valentía, co afán, dixo, de que o certame sirva de chamada á acción para que a igualdade e a representación feminina no sector sexa unha realidade palpable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023