O investimento per cápita previsto na provincia supera os 168 euros

Os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para 2024 na provincia de Pontevedra superan os 158 M€

As actuacións no eido das estradas reciben a maior partida, 77,7 M€ para avanzar na construción de vías de altas prestacións e a mellora e conservación das vías convencionais

A Xunta comezará nas vindeiras semanas as obras do primeiro treito de prolongación da autovía AG-59, entre A Ramallosa e A Estrada, destinando unha partida de 10,2 M€

O Goberno galego rematará proximamente a conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e avanzará na licitación do seguinte treito ata a estrada PO-350, prevendo en 2024 un investimento de 1,5 M€

As contas reservan partidas que acadan case 25 M€ para continuar con conservación de estradas, reforzo de firmes, eliminación de puntos negros ou a vialidade invernal

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mobilizará o vindeiro ano 158,6 millóns de euros na provincia de Pontevedra, o que supón un investimento per cápita de máis de 168 €, segundo recolle o proxecto de Lei de Orzamentos remitido hoxe ao Parlamento galego.

As actuacións en materia de infraestruturas viarias reciben a partida orzamentaria máis elevada, cun investimento de 77,8 M€.

Estas cifras permitirán continuar apostando pola vertebración territorial mediante vías de altas prestacións libres de peaxes na provincia. Así, a Xunta comezará nas vindeiras semanas as obras de prolongación do primeiro treito da autovía AG-59, entre A Ramallosa e A Estrada. As contas reservan unha partida de 10,2 M€ en 2024 para construír 3,5 km de autovía libre de peaxe desde A Ramallosa ata o enlace coa AC-241, en Pontevea, e proxectan compromisos que suman 55 M€ para as vindeiras anualidades.

O Goberno galego tamén está a encarar a fase final da execución da conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55. Os Orzamentos contan cunha partida de 1,5 M€ que permitirá rematar esta actuación e avanzar na licitación do seguinte treito ata a estrada PO-350 e compromisos plurianuais nos vindeiros anos que suman 50 M€ de investimento.

A Xunta mantén a colaboración co Porto de Vigo nas actuacións de recuperación do bordo litoral da cidade, reservando para 2024 unha partida de case 2 M€ para continuar coa humanización da avenida de Beiramar.

Na cidade olívica, tamén se prevé unha partida específica de 2,5 M€ para o desenvolvemento da urbanización dos ámbitos autonómicos do Campus do Mar na ETEA; e coa previsión dun investimento de 8,5 M€ no próximo exercicio.

Para a 2ª fase de humanización da Avenida de Galicia, na estrada autonómica PO-323 consígnase un investimento de 3 M€.

Ademais promoveranse actuacións de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade, cunha partida específica de 1 M€ para estradas autonómicas en Vigo; e de 2 M€ para o acondicionamento da PO-230 e PO-234, en Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, ou da PO-235, na Lama, con compromisos de investimento por importe de 3 M€ nos vindeiros exercicios.

A conservación de estradas autonómicas e o reforzo de seguridade nas mesmas contarán con partidas que acadan preto de 25 M€ o vindeiro ano. Estas cifras posibilitarán seguir acometendo obras de mellora de firmes, de eliminación de tramos de concentración de accidentes ou garantir a vialidade invernal.

No marco da conservación, cabe salientar os orzamentos dirixidos á inspección e mantemento de estruturas, obras de paso, noiros ou muros, con 2,4 M€. Trátase de acadar infraestruturas máis resilientes ante o cambio climático, concretamente fronte a episodios meteorolóxicos adversos.

Na provincia de Pontevedra, concretamente na Autovía do Morrazo, ramal e corredor de Cangas, comezarase a desenvolver a Estratexia de Estradas Verdes da Xunta, que reforestará con frondosas autóctonas as marxes destas vías autonómicas. Esta iniciativa contará en 2024 cun investimento de 1,5 M€.

A aposta pola mobilidade sostible segue a ser un dos eixes da acción da Consellería de Infraestruturas, que en 2024 destinará 7,6 M€ a impulsar o itinerario seguro e sostible ao longo da estrada PO-546, como o treito que unirá Mollabao e Os Praceres, en Pontevedra, cuxas obras se licitarán antes de fin de ano.

Ademais recóllense partidas que suman 2 M€ para avanzar na dixitalización e no plan de acción contra o ruído nas estradas autonómicas na provincia.

Infraestruturas sanitarias

A Consellería de Infraestruturas tamén continuará executando actuacións no ámbito dos equipamentos sanitarios, cuxos investimentos se recollen nos Orzamentos da Consellería de Sanidade.

Así, a Xunta dedicará un orzamento de 50,7 M€ para concluír as obras en execución do Novo Hospital Público de Montecelo, en Pontevedra.

Tamén reserva nas contas do vindeiro exercicio preto de 7,5 M€ para o CIS Olimpia Valencia de Vigo.

O Goberno galego proseguirá coa dotación de novos centros de saúde na provincia, de cuxa execución se encargará a Axencia Galega de Infraestruturas por encomenda da Consellería de Sanidade: o de Vilagarcía de Arousa, para o que consigna un investimento de 2 M€ o vindeiro ano; ou os centros de saúde de Meis, Soutomaior e Baltar, en Sanxenxo.

Mobilidade

No eido do transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade disporá en 2024 dun presuposto de 39,6 M€ na provincia, dos que case 23 M€ van dirixidos ao Plan de Transporte Público de Galicia nesta provincia.

Tamén se reservan 2,7 M€ para o mantemento da gratuidade no transporte público autonómico para os menores de 21 anos da provincia que empreguen a tarxeta Xente Nova, que inclúe todos os servizos de transporte interurbano e, no caso da área de Vigo, o transporte de ría.

Ademais da prestación dos servizos de transporte público, a Xunta está a impulsar a mellora de accesibilidade e conectividade nas paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas. A esta materia na provincia destinarase un investimento de case 6,5 M€.

Tamén se recollen os correspondentes investimentos para executar aparcadoiros disuasorios nas contornas da PO-551 en Domaio; da VG-4.3 en Vilagarcía; da autovía do Salnés, en Ribadumia; da autoestrada do Val Miñor, en Nigrán; e da PO-546, en Pontevedra.

Estes aparcamentos, ubicados nas proximidades de estradas estratéxicas, posibilitarán tanto promover o uso compartido dos vehículos como o acceso ao transporte público, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Actuacións hidráulicas

En relación ás actuacións hidráulicas, Augas de Galicia disporá dun orzamento de 41,8 M€ para apoiar aos concellos na xestión dos servizos de saneamento, abastecemento e depuración, de competencia municipal.

A Xunta seguirá traballando a prol do saneamento das rías, con actuacións como a mellora do saneamento na ría de Arousa, á que de destinará 3,5 M€ para reforzar o sistema de Vilagarcía de Arousa, proxectando o compromiso de seguir investindo outros 4 M€ nos próximos anos; tamén prevé poder iniciar a ampliación da depuradora municipal tan pronto o Concello achegue toda a documentación que lle corresponde.

As contas tamén recollen investimentos que suman máis de 4,7 M€ para materializar a mellora do sistema de saneamento de Cambados, incluída a optimización da depuradora de Tragove, cuxas obras están adxudicadas e comezarán proximamente; e a mellora do sistema de bombeo e o colector de Cabanelas, nos concellos de Cambados e Ribadumia.

Unha vez rematadas as obras de mellora da depuradora dos Praceres e do novo emisario submarino, que supuxeron un investimento da Xunta de preto de 30 M€, en 2024 seguirase avanzando nas obras recollidas no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra.

Así, destinarase case 1 M€ ás obras en marcha de mellora do saneamento do río Lameira, en Marín, que contribuirán a unha mellor calidade das augas da ría de Pontevedra,  con partidas en 2024 e compromisos plurianuais para o impulso da mellora do saneamento de Mogor, tamén en Marín. Ademais, recóllense o bombeo e depósito de retención da Seca e mellora da estación de bombeo de Porto Campelo, en Poio; o novo bombeo e depósito de retención de recheo, en Poio; e para o bombeo de Cocheras, no termo municipal de Pontevedra.

A Xunta proseguirá coas actuacións de mellora do saneamento en Lalín, que inclúen a construción dun tanque de tormentas, xa en execución, e a ampliación da depuradora. Para continuar avanzando nestas intervencións, as contas contemplan unha partida de case 5,4 M€ e prevese a achega de 8,8 M€ máis nas vindeiras anualidades.

A Consellería de Infraestruturas tamén prevé o cofinanciamento de obras hidráulicas estratéxicas como a mellora do saneamento e a depuración de Ponteareas, á que achegará no próximo exercicio 970.000 €.

Os presupostos recollen partidas dirixidas a avanzar na mellora do sistema de abastecemento de Arbo, con case 500.000€ e prevendo a execución dunha nova estación de tratamento de auga potable.

A xestión do risco de inundacións continuará sendo tamén unha materia estratéxica para Augas de Galicia, continuando en 2024 coa 2ª fase das obras de mellora do comportamento hidráulico no río Viladesuso en Oia, ás que se reservan 410.000 €.

Neste ámbito, os orzamentos recollen unha achega de 1,9 M€ para reducir o risco de inundacións nos ríos Miñor e Zamáns, no concello de Gondomar.

Data de actualización: 20/10/2023