A Xunta inviste preto de 425.000 euros na formación de 14 mozos e mozas no obradoiro Inicia VII, inaugurado hoxe en Fene

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, deu a benvida aos alumnos que desenvolverán a súa formación na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial
 

Os participantes completarán a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotación públicas ou de uso público no ámbito local
 

Fene (A Coruña), 20 de outubro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada dos alcaldes de Fene, Juventino Trigo; Mugardos, Juan Domingo de Deus, y Cabanas, Fernando Couce, inaugurou esta mañá o obradoiro Inicia VII, un programa para mozas e mozos en situación de desemprego, incluído no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financia con 424.837 euros.

Un total de 14 alumnos, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, iniciaron estes días a formación neste programa promovido polos concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos.

O obradoiro impártese na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial e os participantes completarán a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local a desenvolver nos municipios participantes, como a substitución e colocación de varandas en Fene ou en Ares, ou a execución de recintos para contedores no concello de Mugardos.

Obradoiros como este, sinalou a delegada territorial “permiten mellorar a empregabilidade das persoas participantes para facilitar a súa inserción no mercado laboral para o que combinan a formación coa realización dun traballo efectivo durante un período de 12 meses durante o que acceden a un contrato e un salario”. 

Durante a súa intervención, Aneiros puxo en valor o compromiso da Xunta coa xeración de emprego na comarca de Ferrol e a formación das mozos en situación de desemprego. “Un exemplo diso son os programas formativos como o que hoxe inauguramos e que chegan xa a súa sétima edición”, apuntou, unha formación que lembrou, “vai orientada a cubrir as demandas reais do entorno o que permite unha integración laboral máis alta”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023