O conselleiro de Educación asina co presidente da Deputación de Pontevedra un protocolo para a transferencia da titularidade do Centro Integrado de FP Carlos Oroza

A Xunta duplica a súa aposta pola Formación Profesional cun investimento de case 30 M€ nos Orzamentos 2024

Román Rodríguez subliña que o seu departamento destina “máis do dobre que en 2022” ao impulso destas ensinanzas de alta cualificación e cada vez máis demandadas

Anuncia a supresión das taxas no proceso de Acreditación de Competencias por experiencia laboral, polo que “será totalmente de balde” para as persoas que o precisen

Pontevedra, 20 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia duplica a súa aposta pola Formación Profesional cun investimento de case 30M€ nos Orzamentos 2024, o que supón destinar “mais do dobre” que no ano 2022 ao impulso destas ensinanzas “cada vez máis demandadas e que se caracterizan pola súa calidade e alta cualificación”.

 

Así o avanzou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante a sinatura dun protocolo co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, para a transferencia da titularidade do Centro Integrado de FP Carlos Oroza.

 

Así pois, as contas da Xunta para o vindeiro ano reflicten o compromiso con estas ensinanzas, que este curso acadaron un récord histórico con 64.570 matriculados, “cun crecemento xeneralizado nos distintos niveis e modalidades”, tal e como lembrou o conselleiro.

 

Gratuidade da Acreditación de Competencias Profesionais

Román Rodríguez avanzou, ademais, que o próximo ano se van eliminar as taxas do procedemento de Acreditación de Competencias Profesionais, aspecto que se inclúe na Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.

 

Deste xeito, as persoas que  queiran acreditar as competencias adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, non terán que desembolsar ningunha taxa, xa que o procedemento será totalmente de balde.

 

“A existencia de taxas -explicou o conselleiro- pode ter un efecto disuasorio sobre persoas sen cualificación oficialmente recoñecida e que, na maioría dos casos, resulta imprescindible para o mantemento do seu posto de traballo”. De aí a importancia desta acción, que pode acadar un aforro estimado de 86€ por persoa.

 

Cesión titularidade CIFP Carlos Oroza

Por outra parte, na visita de hoxe a Pontevedra, o conselleiro e o presidente da Deputación de Pontevedra asinaron un protocolo xeral para a transmisión da titularidade do Centro Integrado de FP Carlos Oroza, ubicado na cidade infantil Príncipe Felipe.

 

Neste protocolo, ambas partes comprométense a promover os trámites pertinentes para facer efectiva a cesión á Xunta de Galicia da titularidade do CIFP Carlos Oroza, que ata o de agora ostenta a Deputación de Pontevedra. Así pois, a partir de agora deberán desenvolverse os mecanismos xurídicos axeitados para facer efectivo dito traspaso.

 

O CIFP Carlos Oroza é un dos 27 centros que conforman a rede de Centros Integrados de FP, e, ademais, este ano vén de ser incluído na Rede Estatal de Centros de Excelencia de FP. É, así mesmo, un centro pioneiro na implantación da FP Dual e un referente nas ensinanzas de restauración e de servizos turísticos.

 

Co obxectivo de continuar apoiando e blindando a calidade das ensinanzas que se imparten nel, a Consellería de Educación está levando a cabo unhas obras de ampliación das súas instalacións cun investimento de case 3M€. A actuación abrangue a construción dun novo edificio de tres plantas para aulas, viveiro de empresas, zona administrativa e vestiarios, ao tempo que se melloran tamén as condicións de eficiencia enerxética e a accesibilidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023