Alfonso Rueda participou na inauguración do Centro de Servizos Avanzados co que bota a andar a actividade do complexo coruñés
O titular do Goberno galego destaca a contribución da Cidade das TIC para a especialización de Galicia nas tecnoloxías emerxentes
Salienta a súa aportación para desenvolver tecidos empresariais máis competitivos e impulsar a dixitalización na comunidade
Eríxea como exemplo do resultado da colaboración e esforzo conxunto entre as administracións e da relevancia do binomio público-privado
A Coruña, 20 de outubro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a contribución da Cidade das TIC para a especialización de Galicia nas tecnoloxías emerxentes, xa que neste complexo se aglutinarán infraestruturas de innovación e servizos para fomentar a transformación dixital na industria, dirixidas tanto a pequenas como grandes empresas. Situarase unha incubadora empresarial de alta tecnoloxía, centrada principalmente na intelixencia artificial, e ofreceranse solucións tecnolóxicas ao tecido empresarial.
Así o aseverou no acto de inauguración do Centro de Servizos Avanzados no complexo coruñés, a primeira unidade funcional coa que bota a andar a Cidade das TIC, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.
Rueda salientou que a posta en marcha das Cidade das TIC supón un exemplo de colaboración e de esforzo conxunto entre administracións, ao mesmo tempo que apelou ao binomio público-privado como o mellor xeito para crear riqueza en Galicia e mellorar a calidade de vida da poboación.
Axencia de Intelixencia Artificial
Finalmente, Rueda aproveitou esta inauguración para salientar o feito de que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña e para a que a Xunta de Galicia desenvolveu un intenso traballo, botará a andar en decembro deste ano, “con todo o 2024 por diante para consolidarse”, avanzou.