A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o conselleiro do Mar reuníronse con empresarios pontevedreses da cadea mar-industria

A Xunta reprocha ao Goberno central que en Galicia só autorice prórrogas de concesións ás que está obrigado

Ángeles Vázquez advirte de que desde 2018 non houbo ningunha nova concesión no dominio público marítimo-terrestre e nin sequera reposicións de servizos mínimos

Lamenta que as solicitudes recibidas por parte de concellos e industrias desde a aprobación da Lei do litoral galega quedan paralizadas polo recurso do Estado

Alfonso Villares insta ao Goberno do Estado a rectificar para que volva estar en vigor unha norma que declara estratéxico ao sector marítimo-pesqueiro e defende as súas actividades por enriba de calquera outros posibles usos do litoral

Pontevedra, 20 de outubro de 2023

A Xunta reprochou esta mañá ao Goberno central que desde o ano 2018 tan só autorizara prórrogas de concesións debidas e das que, por conseguinte, estaba obrigado a informar favorablemente.

Así o avanzou en Pontevedra a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que xunto ao conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reuniuse hoxe cunha quincena de representantes de empresas da cadea mar-industria da provincia para abordar a situación derivada do recurso anunciado polo Goberno central contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

En concreto, a vicepresidenta lamentou que nos últimos días se fixo público que o Estado concedera “18 ou 22” concesións de costas en Galicia desde o ano 2018, pero “todas as que se deron son prórrogas debidas” de instalacións en dominio público marítimo-terrestre e, polo tanto, “non quedaba outra máis que dar esas prórrogas”.

Por iso, insistiu en que nos últimos anos “non se deu ningunha nova concesión” en Galicia, nin sequera, dixo, para “reposicións de servizos mínimos que son fundamentais” no dominio público polo que cualificou a situación de “parálise”.

“O que non queremos en Galicia é que se nos engane”, declarou a vicepresidenta, que volveu pedir ao Executivo central a mesma “lealdade institucional e transparencia” que ofrece a Xunta tras recordar que a día de hoxe non dispón aínda nin do texto do recurso nin do ditame do Consello de Estado no que supostamente se basea.

Así mesmo, Ángeles Vázquez lamentou que as solicitudes recibidas desde a aprobación da lei por parte de concellos interesados en poñer en marcha servizos no DPMT e de industrias do sector con proxectos para ampliar instalacións ou para acometer reposicións nas xa existentes quedan agora paralizadas xa que, coa interposición do recurso xudicial, a lei “queda sen efecto”.

Neste sentido, enmarcou a reunión na inquedanza xerada entre o sector da cadea mar-industria, un dos máis importantes de Galicia, polo anuncio do Estado do recurso de inconstitucionalidade contra a lei galega. “Queren saber en que situación nos atopamos. E a situación é de inseguridade total e absoluta”, lamentou a vicepresidenta.

O conselleiro do Mar destacou, pola súa banda, a importancia do encontro de hoxe co conxunto da cadea mar-industria porque son os principais coñecedores, como tamén o é a propia Xunta, do impacto que terá na actividade o recurso que o Goberno central presentou contra a lei do litoral galega.

Alfonso Villares volveu a poñer énfase en que a impugnación ante o Tribunal Constitucional da norma deixa totalmente “nu” a todo o sector en Galicia, pois queda sen efecto unha cuestión fundamental que a lei poñía moi claro, “negro sobre branco”: que o sector pesqueiro, marisqueiro, acuícola e mitícola é esencial e estratéxico, prioritario sempre fronte a calquera outra iniciativa que se poda presentar, tanto desde o sector público como desde o ámbito privado.

O titular de Mar sinalou que a desprotección do conxunto da cadea mar-industria é un problema dunha enorme dimensión para Galicia, motivo polo que se vai insistir na conveniencia de que o Goberno do Estado rectifique a súa decisión, “tomada a última hora e sen falar con nós”, e a lei do litoral poda volver a estar en vigor para defender a toda Galicia e ao conxunto da actividade produtiva do sector marítimo-pesqueiro.

Na reunión celebrada hoxe en Pontevedra acudiu a cúpula da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os máximos responsables da súa Comisión Mar-Industria, entre os que se atopan representantes de empresas integradas na Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade), da Unión de Asociacións do Sector Mar-Industria Alimentario, de Anfaco-Cecopesca, de Jealsa, Congalsa, Gadisa, Pescarmar, da Federacións da Construción (Fegacons), así como de entidades financeiras como o Sabadell Gallego ou o Banco de Santander. Polo sector do mar tamén estaban presentes representantes da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) así como o presidente da Federación de Confrarías de Pescadores de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023