A Xunta impulsa o Programa galego de vacinación con preto de 40 M€ a través dos Orzamentos 2024

Con este incremento, dóbrase o presuposto para esta partida durante esta lexislatura

O conselleiro de Sanidade destaca a transformación dixital como un dos eixos prioritarios da Saúde Pública en Galicia

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023 “A Xunta de Galicia destinará preto de 40 millóns de euros ao Programa galego de vacinación, o que supón máis do dobre do que se destinaba ao inicio desta lexislatura”. Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na inauguración da II Xornada galega de saúde pública: liderando o coñecemento cara a un futuro máis saudable. Neste acto, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo.

O titular da carteira sanitaria reiterou o compromiso da Consellería de Sanidade co avance da saúde pública e cos eixos prioritarios que está a aplicar, entre os que citou a calidade como medio de excelencia en todas as súas actividades; a capacitación do persoal; a comunicación e a transparencia; e, sobre todo, a transformación dixital por medio da mellora dos sistemas de información e da dixitalización de procesos, ademais da integración das novas tecnoloxías. Tamén subliñou o conselleiro o uso de algoritmos de intelixencia artificial para a optimización de programas de prevención.

Xunto ao anterior, Comesaña remarcou, así mesmo, o avance no eido da promoción da saúde, con programas tan punteiros como Obesidade Zero e Inspira Saúde. Así mesmo, está previsto publicar en Galicia unha lei de prevención de adicións, que inclúe a regulación das bebidas enerxéticas.

No apartado da prevención, o titular da carteira sanitaria dixo que o seu departamento segue a mellorar os programas de detección de enfermidades con novas metabolopatías, o aumento de idade no cribado de cancro de mama, o cribado etario oportunista de hepatite C ou a detección do VIH nos servizos de urxencias.

Liña prioritaria

Na súa intervención no acto, Comesaña amosouse especialmente orgulloso do Calendario de Inmunización para toda a vida, do que dixo “que destaca a nivel nacional tanto por ser dos máis completos como polas coberturas acadadas”.

O conselleiro dixo que a saúde pública atópase nun momento de alta visibilidade froito do bo traballo de todo o equipo da Dirección Xeral de Saúde Pública, así como das xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade, por iso expresou o seu agradecemento “a todos os que participan nos programas que se están a implantar en Galicia neste eido”.

Para rematar a súa intervención, Comesaña incidiu que a Xunta seguirá a traballar co obxectivo de ofrecer a todos os recursos necesarios para protexer a saúde da cidadanía galega. Deste xeito, “a saúde pública é unha liña prioritaria e así seguirá a ser”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2023