O deporte galego de alto nivel é “máis grande e mellor” chegando xa a 1.029 deportistas recoñecidos, 817 de alto nivel e 29 con diversidade

O secretario xeral para o Deporte compareceu no Parlamento para dar conta do deporte de alto nivel de Galicia que, grazas ao decreto de 2020, tamén inclúe o alto rendemento, o rendemento deportivo de base e o recoñecemento a árbitros, xuíces e técnicos

Todos os deportistas recoñecidos teñen acceso a axudas económicas que, neste ano 2023, veñen de acadar o seu máximo histórico con preto dos 700.000 euros; ademais, tamén se convocaron axudas a persoas técnicas, adestradoras, xuízas e árbitras por 30.000 euros

O Programa de Atención ao Deportista, xa en marcha, e os Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado, con oito xa en funcionamento, son outros dos puntos destacados
 

Santiago, 19 de outubro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, compareceu na mañá de hoxe na Comisión 1ª, Institucional, de Administración, Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia para dar resposta á pregunta sobre as competencias do Goberno galego relacionadas coa nova figura dos deportistas galegos de alto nivel. Alí asegurou que, o alto nivel é “a excelencia do noso deporte, o cumio de todas as nosas políticas dirixidas á actividade física e o deporte e o termómetro máis exixente dunha Galicia activa e saudable”.

Lete Lasa lembrou que, grazas ao decreto 165/2020, do 17 de setembro que viu a reformar o anterior decreto que databa de 2004, a Xunta de Galicia regula tamén o alto rendemento como a práctica deportiva inmediatamente inferior ao alto nivel; así como o rendemento deportivo de base, como a etapa de desenvolvemento previa de acadar o alto nivel para os deportistas en idade escolar. Deste xeito, concluíu que, a día de hoxe, o deporte de galego de alto nivel “medra a un ritmo vertixinoso, chega a máis xente, fomenta o deporte base, conta con máis protagonismo feminino, é máis inclusivo, flexibiliza os seus criterios, inclúe novos e mellores beneficios, crea novos centros de tecnificación, é máis grande e é mellor”.

Segundo a última resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, do 21 de xullo do presente ano, o secretario xeral informou que neste momento, Galicia conta con 1.029 deportistas recoñecidos, sendo o 62% homes o 38% mulleres (unha porcentaxe superior á cota feminina das licenzas deportivas de Galicia que é do 28% sobre 300.000). Destes 1.029 deportistas, 817 son de alto nivel -o 80% de todos os deportistas recoñecidos-, 66 de alto rendemento, 108 de rendemento deportivo de base, 16 técnicos, 7 árbitros, 5 xuíces e 10 vitalicios. Entre todos eles, destacou tamén a existencia de 29 deportistas con discapacidade recoñecidos nalgunha categoría. Atendendo ás modalidades deportivas, o 80% das federacións deportivas galegas -47 de 59- contan con deportistas de alto nivel, sendo as dez federacións máis representadas: piragüismo (147), fútbol (81), atletismo (76), taekwondo (70), salvamento e socorrismo (60), remo (48), vela (47), patinaxe (37), halterofilia (30) e judo (30).

O mandatario galego resumiu todos estes datos sentenciando que “nunca antes houbo un número tan elevado de deportistas recoñecidos, nin sequera de deportistas galegos de alto nivel”, xa que cando se creou o novo decreto, o número total de DGAN era de 521. Ademais, apuntou que tampouco se tiña rexistrado un número tan elevado de deportistas con algunha discapacidade recoñecidos. Lete Lasa uniu estes datos cunha evidente mellora do deporte alto nivel de Galicia, pero tamén cunha flexibilización dos criterios para adaptarse ao novo escenario deportivo actual e un recoñecemento do esforzo e a esixencia dos deportistas tanto na participación como no resultado deportivo.

Deportistas, árbitros, xuíces e técnicos

Lete Lasa destacou os deportistas galegos de alto nivel como “a pedra angular sobre a que orbita o decreto” e subliñou os nomes dalgúns recoñecidos como Adrián Ben (atletismo), Miguel Alvariño (tiro con arco), Jacobo Garrido (natación adaptada) ou Martín de la Puente (tenis cadeira rodas). Non obstante subliñou a importancia das novas figuras que recoñece o decreto. Técnicos como Crtistina Cantero (baloncesto) ou Ferenc Szabo (halterofilia); xuñices como Mónica Flores (tríatlon) ou Manuel Franco (tenis); e árbitros como Zulema González (fútbol) ou María Bautista (taekwondo).

Neste sentido puxo en valor asemade a nova figura dos deportistas galegos de alto nivel vitalicios, para aqueles que se caracterizan especialmente por elevar o nivel deportivo de Galicia e que neste intre son un total de dez: Carlos Arévalo, Carlos Pérez ‘Perucho’ e Teresa Portela (piragüismo); Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Sofía Toro (vela); Adi Iglesias (atletismo adaptado); Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon); e Chano Rodríguez (natación adaptada).

Máis beneficios, máis axudas

O responsable do deporte galego enumerou aos beneficios aos que teñen acceso os deportistas recoñecidos en cadansúa categoría destacando o acceso tanto á universidade como aos estudos non universitarios, facilidades durante o curso, estudos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, plans e vantaxes no ámbito laboral, na administración pública galega, no emprego público educativo... Cómpre salientar que todos os deportistas recoñecidos teñen acceso ás axudas económicas da Fundación Deporte Galego que, neste ano 2023, veñen de acadar o seu máximo histórico con preto dos 700.000 euros para 445 axudas DGAN, un 17% máis que en 2022. Ademais, no presente ano tamén se convocaron por vez primeira as axudas a persoas técnicas, adestradoras, xuízas e árbitras de alto nivel cun importe total de 30.000 euros.

Outra das principais novidades do decreto é a previsión dos supostos de prórroga da condición de deportista de alto nivel por inactividade por lesión, embarazo, nacemento de fillo ou adopción. Isto redunda nunha vantaxe e unha facilidade para todas aquelas deportistas que queiran ser nais como foi o caso de Teri Portela, primeiro, ou Ana Peleteiro, despois; ambas as dúas medallistas olímpicas en Toquío 2021.

A creación do PROADE (Programa de Atención ao Deportista) no que se desenvolverá a Oficina de Atención ao Deportista é outro dos puntos máis destacados, recollendo unha vella demanda dos deportistas e ofrecendo asesoramento sobre recursos e servizos para o seu desenvolvemento integral, durante e despois da carreira deportiva (formación, inserción laboral, conciliación laboral-deportiva e académico-deportiva). Tamén cómpre destacar o desenvolvemento dos Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) orientados ao alto nivel ou o alto rendemento. Neste intre existen oito NADEs en funcionamento e ao longo de 2024 prevese recoñecer outros tres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2023