Román Rodríguez anuncia que a achega da Xunta ás tres universidades públicas superará por primeira vez os 500 millóns de euros nos orzamentos 2024

O conselleiro de Educación subliña a aposta do seu departamento polo impulso do ensino universitario cunha suba do 5 % do orzamento

Isto permite avanzar no obxectivo de acadar o 1 % do PIB de investimento de recursos públicos nas universidades

O titular do Goberno galego e o reitor da Universidade de Vigo asinan un convenio por importe de case 3,5 M€ para fortalecer as súas infraestruturas científicas e o seu equipamento tecnolóxico especializado e enfocado á excelencia investigadora

Vigo, 19 de outubro de 2023

A achega da Xunta de Galicia ás tres universidades públicas galegas superará por primeira vez os 500 millóns de euros, segundo anunciou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, con motivo da sinatura dun convenio de colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo) en materia de I+D+i.

O titular de Educación do Goberno Galego subliñou “o compromiso” do seu departamento “coa aposta pola calidade, a innovación e a internacionalización” do ensino universitario, cunha importante partida nos Orzamentos 2024, que se incrementa nun 5 %.

En total, a Consellería xestionará 513,5 M€ en materia de Universidades no próximo exercicio. “Isto -explicou o conselleiro- permítenos avanzar no obxectivo de acadar, en breve, o 1 % do investimento de recursos públicos nas universidades fixados a nivel nacional para o ano 2030”.

Cómpre lembrar que, froito do diálogo e o consenso entre a Xunta e as tres universidades públicas, Galicia conta cunha folla de ruta de investimentos propia e consolidada a través do Plan de Financiamento Universitario 2022-26, cunha cifra global inicial de 3.177,4 M€ para este período. “Agora, no ecuador deste Plan, reforzamos aínda máis o apoio ás nosas universidades para que sigan sendo un referente no sistema”, abondou o conselleiro.

Intensificar a investigación na UVigo

Neste apoio enmárcase o convenio asinado hoxe entre o conselleiro Román Rodríguez e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, por un importe de preto de 3,5 M€ co obxectivo de intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica universitaria. Segundo explicou o conselleiro, a través deste acordo “a UVigo poderá fortalecer as súas infraestruturas científicas e o seu equipamento tecnolóxico especializado e enfocado á excelencia investigadora”.

O acordo subscrito entre o conselleiro e o reitor abrangue actuacións específicas en ámbitos como a captación do talento, os centros, as estruturas de investigación, as obras singulares e outras accións con foco específico na I+D+i e na calidade da docencia. A primeira delas execútase con incentivos tanto para a consolidación como para a atracción de talento para novas necesidades estratéxicas e para apoiar os investigadores pertencentes a programas como o Ramón y Cajal, Beatriz Galindo ou Juan de la Cierva.

No caso dos centros singulares de investigación, inclúe o desenvolvemento de xornadas de portas abertas, actividades de difusión da ciencia e promoción de vocacións científicas, formación de persoal para dar resposta aos novos retos en materia de xestión de fondos e promoción de proxectos de investigación e transferencia. Tamén se destinan partidas deste orzamento ao apoio a diferentes actividades desenvolvidas no Centro de Investigación Mariña (CIM), no Centro de Investigación Biomédica (CINBIO) e no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), entre outros.

No que atinxe ás novas estruturas de investigación, inclúe o apoio á transformación de agrupacións estratéxicas saíntes, como o ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) e as centradas na especialización: Campus CREA de Pontevedra, Campus Auga de Ourense ou Vigo Tecnolóxico. Tamén o impulso á posta en marcha de novas estruturas e para a creación de dous novos institutos, un centrado na Xustiza e Xénero e outro de Física e Ciencias Aeroespaciais.

Acondicionamento de laboratorios

As actuacións incluídas no apartado de obras singulares abranguen o acondicionamento dos laboratorios do grupo de Enxeñaría Química BIOSUV, o acondicionamento de espazos para o traslado do CACTI ao Edificio do Campus da Auga.

Por outra parte, apóianse accións de alto impacto e interese na I+D+i como a prórroga de contratos posdoutorais, proxectos colaborativos coa UMinho, apoio á organización de congresos internacionais, edición de bibliografía en galego, promoción da Ciencia Aberta ou o desenvolvemento e tramitación de patentes e spin-offs.

No que atinxe ás accións que inciden na calidade da docencia, impúlsanse actividades de apoio aos mestrados de excelencia e dúas experiencias piloto, unha de mestrado dual e outra de incentivo de accións de innovación docente. Inclúe, tamén, o desenvolvemento dun proxecto de virtualización de laboratorios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2023