O conselleiro do Medio Rural visitou en Cangas as vilas Calas de Aldán, que recibiron estas achegas para incorporar a madeira como elemento estrutural

A Xunta reforza o seu compromiso co sector forestal con axudas para a construción en madeira e coa reserva dun mínimo de edificios públicos con este material no 2024

José González anunciou ademais unha dotación de 11 millóns de euros en axudas para investimentos en tecnoloxías forestais para seguir afondando na competitividade deste eido produtivo

Subliñou as actuacións e a planificación estratéxica que se leva a cabo a través do Plan Forestal de Galicia, o Plan Estratéxico da industria forestal-madeira, a Axenda de impulso desta mesma industria e as diferentes axudas para este sector

Enmarcou a potenciación do sector forestal galego dentro do “sobresaínte esforzo orzamentario, sen precedentes nesta consellería” e referendado nos case 695 millóns de euros que integran os orzamentos do seu departamento para o 2024, cun aumento do 2,3 % respecto ao presente exercicio

Cangas (Pontevedra), 19 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia publicará unha nova convocatoria no 2024 cun mínimo de dous millóns de euros de fondos propios para fomentar a construción en madeira para usos estruturais, como parte do seu compromiso co sector forestal, que se plasmará de novo nos orzamentos do vindeiro ano. Ademais, garantirá que, a partir do vindeiro ano, unha porcentaxe das novas edificacións impulsadas pola Administración autonómica incorporará madeira na súa estrutura.

Son dúas medidas postas en valor esta mañá en Cangas polo conselleiro de Medio Rural, José González, na súa visita ás vilas Calas de Aldán, que foron beneficiarias desta liña de axudas na convocatoria anterior. Neste acto, o conselleiro estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz. Segundo o conselleiro, “a Xunta entende que ten que traccionar a demanda do uso de madeira estrutural, procurando tamén que sexa galega e por iso subvencionamos con maior porcentaxe a utilización de piñeiro galego certificado”, subliñou.

Este complexo turístico do Morrazo foi unha das 164 empresas e particulares que recibiron este ano achegas, xestionadas pola devandita Axencia adscrita á Consellería do Medio Rural, para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais no ano 2022.

Segundo explicou o conselleiro, os obxectivos principais destas subvencións pasan por loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e a xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar ás persoas que vaian a habitar edificacións construídas en madeira. Neste sentido, o conselleiro puxo en valor o “compromiso ambiental da Xunta” e salientou que “se cultivamos e temos nos nosos montes madeira, estamos absorvendo carbono e cando a colocamos nas edificacións estamos evitando emisións que fan outras industrias”. Engadiu que esta é unha “tendencia a nivel mundial, especialmente nos países europeos” e Galicia “quere ser das primeiras comunidades dentro de España que impulse a construción pública en madeira estrutural”.

Mellora da competitividade do sector

Ademais de fomentar a construción en madeira, a Xunta seguirá centrando os seus esforzos na mellora da competitividade do sector forestal e, nesta liña, o conselleiro anunciou que as contas do seu departamento incluíran no 2024 unha dotación de 11 millóns de euros para esta finalidade, a través de axudas a investimentos en tecnoloxías forestais que xestiona, tamén, a Axencia Galega da Industria Forestal. Isto supón, salientou González, un incremento que supera o cen por cento nestas subvencións, en relación cos 5,4 millóns deste ano 2023.

Estas axudas enmárcanse na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta contemplada no Plan Forestal 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” e deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

O conselleiro concluíu que todas estas medidas referendan a aposta da Xunta por un sector forestal galego sustentable, que siga liderando este eido produtivo a nivel nacional. Nesta liña, subliñou tamén as actuacións e a planificación estratéxica que se leva a cabo a través do Plan Forestal de Galicia, o Plan Estratéxico da industria forestal-madeira (asinarase proximamente o convenio para poñelo en marcha), a Axenda de impulso desta mesma industria e as diferentes axudas para este sector. Así, engadiu que só nos anos 2023 e 2024 o Goberno galego investirá máis de 23 millóns de euros en crear superficies forestais, desenvolver accións silvícolas en coníferas ou implementar instrumentos de ordenación e xestión forestal.

Unha potente aposta polo rural galego

José González enmarcou o impulso ao sector forestal galego dentro do sobresaínte esforzo orzamentario, sen precedentes e referendado nos case 695 millóns de euros que integran os orzamentos da Consellería para o 2024, e que rexistrarán un aumento do 2,3 % respecto ao presente exercicio. Unhas contas, explicou o titular de Medio Rural, que servirán para seguir avanzando, con feitos, na nosa potente aposta polo rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2023