A Xunta convoca axudas para organizacións profesionais e asociacións agrarias para a realización das súas actividades

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras da convocatoria destas achegas da Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
 

As axudas poden chegar ata os 50.000, 100.000 ou 150.000 euros, dependendo do tipo de actividade realizada
 

O prazo de presentación rematará dentro dun mes, a partir do día seguinte da súa publicación no DOG
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2023   O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras das axudas destinadas a organizacións profesionais e asociacións agrarias para realizar actividades de interese agrario no 2023, convocadas pola Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. 

As achegas, que se concederán en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, cubrirán os gastos de realización de actividades de representación e de formación das organizacións profesionais e asociacións agrarias, legalmente constituídas e con implantación en Galicia, e dos agricultores en xeral. 

Os custos subvencionables serán aqueles derivados de actividades realizadas entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023. As axudas cubrirán os gastos de funcións e actuacións que lles son propias conforme á normativa legal, as funcións ordinarias de xestión interna, a representación perante as institucións, a participación nos órganos colexiados constituídos pola Administración galega para a defensa dos intereses dos seus representados, a formación dos asociados e dos seus familiares en actividades agrarias ou no sector agroalimentario e o fomento do asociacionismo agrario. 

As solicitudes presentaranse, de xeito obrigatorio, por medios electrónicos a través dun formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. As persoas interesadas en tramitala de forma presencial serán requiridas para que se emende a través da súa presentación electrónica. O prazo de presentación rematará dentro dun mes, a partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. 

Axudas para diversas actividades

A contía das axudas dispón dunha prima base de 20.000 euros, que se irá incrementando dependendo das actividades e ata que se esgote o orzamento correspondente. As achegas distribuiranse para as organizacións profesionais agrarias que tramitaron máis do 2% das solicitudes da PAC de Galicia da campaña 2023 e as asociacións agrarias que tramitaron máis do 1%, recibirán 50 euros por cada unha das solicitudes tramitadas e o límite será de 150.000 euros. 

Ademais, as entidades con máis dun representante nos consellos reguladores de Galicia recibirán 5.000 euros por cada un deles a partir do sexto, no caso das organizacións profesionais agrarias, e do primeiro nas asociacións agrarias, ata un máximo de 100.000 euros. 

Por último, estas achegas tamén se poderán conceder a entidades con máis dunha oficina de atención permanente ao público en Galicia, con 10.000 euros por cada unha delas e ata un máximo de 50.000 euros. Aquelas que estén situadas no mesmo concello, terán a consideración dunha única. 

Ligazón á publicación do DOG:

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2023