O proxecto de orzamentos da Xunta para 2024 destina preto de 20 M€ a avanzar en paralelo nas dúas fases do Plan director do CHUF

O conselleiro de Sanidade visitou a área de preingreso das novas urxencias, un espazo executado na fase 1 da obra que entrará en servizo de inmediato

No vindeiro ano compaxinaranse a finalización de novos espazos da fase 1 co deseño arquitectónico da fase final para evitar pausas no desenvolvemento do Plan
 

Ferrol, 19 de outubro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, adiantou esta mañá no Hospital Arquitecto Marcide que o proxecto de orzamentos da Xunta para 2024 dedicará preto de 20 millóns de euros a avanzar de forma simultánea nas dúas fases do Plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, dentro dun orzamento récord para a sanidade pública galega ao superar por primeira vez os 5.000 millóns de euros.

Acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio, o conselleiro visitou a nova área de preingreso das urxencias do hospital ferrolán, que está lista para entrar en funcionamento de inmediato. En palabras de Comesaña, “creo que o mellor xeito de visualizar en que se traducen os orzamentos é constatar o avance que supuxeron os vixentes de 2023”. Así, sinalou que a recepción desta obra é parte do resultado dos investimentos da Xunta para a presente anualidade, cos que tamén, co apoio da Axencia Galega de Infraestruturas, se puxo en marcha unha área de radioloxía totalmente nova e con equipamento punteiro: duplicando a capacidade de resonancia magnética, incorporando un TAC de última xeración e instalando por primeira vez no Arquitecto Marcide un equipo de radioloxía vascular intervencionista.

Ademais, foi executada a obra de urbanización dos accesos e da vía de servizo que conectará coas plantas inferiores dos novos edificios. Igualmente, entrou en funcionamento o almacén de subministración e botaron a andar as novas instalacións que dotan de enerxía, climatización ou auga ao conxunto do complexo.

Agora, cunha nova partida de case 20 millóns de euros en 2024, a Xunta avanzará de xeito simultáneo en dúas fases. Así, mentres seguen as obras nas novas urxencias, na nova farmacia, nas novas UCI pediátrica e de adultos, na nova unidade de diálise, nas cinco novas unidades de hospitalización ou na nova área administrativa; un estudo de arquitectura estará xa traballando na definición precisa das reformas das áreas de hospitalización e dos bloques cirúrxicos.

Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade amosou a súa satisfacción polo compromiso acadado entre Xunta e Concello na reunión mantida esta semana entre o presidente Rueda e o alcalde de Ferrol para a sinatura dun convenio de colaboración.

Deste xeito, explicou Comesaña, Ferrol deixará de ser o único concello de Galicia no que a Xunta estaba a construír unha infraestrutura sanitaria sen ningunha colaboración por parte da administración local. “Estes convenios existen en Pontevedra, na Coruña, en Ourense e mesmo en concellos máis pequenos onde se están a construír centros de saúde. Afortunadamente o novo alcalde de Ferrol entendeu que a colaboración entre administracións debe presidir ese proceso”, remarcou o conselleiro de Sanidade. Polo tanto, nos vindeiros días será remitida ao Concello unha proposta de convenio para empezar a tramitar ese instrumento de colaboración.

Máis de 60 millóns de euros para investir en atención primaria

No proxecto de orzamentos para 2024 a Xunta acadará 61 millóns de euros para o capítulo de investimentos en atención primaria, que é a maior contía que tivo nunca este capítulo na historia da administración autonómica. Deles, aproximadamente 30 millóns se destinarán a infraestruturas de novos centros de saúde e os outros 30, a adquisición de equipamento.

No caso de Ferrol, o conselleiro de Sanidade sinalou que “dentro do investimento en infraestruturas, como todos os anos, reservamos unha partida de arredor de 200.000 euros que nos permita poder licitar proxectos de novos centros dos que consigamos a parcela ao longo do ano”. Polo tanto, en canto o Concello complete a adquisición do terreo para o centro de saúde de San Xoán e tramite a súa cesión á Xunta, coa exención do IBI para infraestruturas sanitarias vixente, haberá vía libre para licitar o proxecto dese novo centro.

En canto aos fondos para equipamentos tecnolóxicos dos centros de atención primaria, a área sanitaria de Ferrol benefíciase, coa instalación de novas salas de raios X nos centros de saúde de Ortigueira e Pontedeume e a renovación de sala do centro Fontenla Maristany, ademais da posterior adquisición de novos equipos de ecografía, retinografía ou dispositivos diagnósticos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2023