A Xunta aposta por impulsar a participación social da xente moza a través de programas como Iniciativa Xove e do voluntariado

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe nun foro sobre emprendemento social para mozos

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe os recursos que a Xunta de Galicia ofrece á xente moza para impulsar a súa participación social, tales como o programa Iniciativa Xove ou as diferentes accións e programas de voluntariado. Fíxoo na inauguración dun foro sobre emprendemento social para mozos, que se celebrou no Colexio Maior A Estila e que estivo organizado pola entidade Cooperación Internacional.

 

Cristina Pichel sinalou que a través do programa Iniciativa Xove, o Goberno galego achega axudas a asociacións xuvenís ou grupos de mozos que queiran desenvolver o seu propio proxecto, sexa no ámbito creativo, no ocio educativo, no deporte ou na innovación, entre outros.

 

Así mesmo, a directora xeral fixo fincapé no impulso que nos últimos anos tivo o voluntariado na comunidade, superando hoxe as máis de 1.100 entidades de acción voluntaria rexistradas oficialmente e que aglutinan a case 55.000 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2023