Rivo pon en valor os programas integrados de emprego que brindan máis e mellores oportunidades ás persoas con dificultades no acceso ao mercado laboral

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade visitou hoxe a sede da Asociación de familiares de enfermos de Azhéimer de Ourense (Afaor) onde clausurou un programa integrado de emprego con 100 persoas participantes

Puxo en valor que na iniciativa se acadase unha inserción laboral próxima ao 50 %

A Xunta de Galicia está a destinar este ano máis de 10 millóns de euros a programas integrados de emprego con obxectivo de mellorar a ocupación de miles de galegos

Ourense, 18 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe a Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor), onde clausurou un Programa Integrado de Emprego (PIE) financiado pola Xunta de Galicia e no que participaron 100 persoas, que se formaron en mobilización de enfermos, rehabilitación ou nutrición, entre outras especialidades relacionadas coa atención sociosanitaria a persoas maiores.

A representante autonómica destacou que case o 50 % das persoas que toman parte na iniciativa, moitas delas con dificultades no acceso ao mercado laboral por condicións de discapacidade, idade, etc. xa acadaron unha efectiva inserción laboral.

A Xunta de Galicia está a destinar este ano máis de 10 millóns de euros aos programas integrados de emprego cos que se quere mellorar a ocupación de miles de galegas e galegos sen emprego.

Ao igual que noutras políticas, o Goberno autonómico fixa como destinatarias prioritarias ás persoas desempregadas con discapacidade, en risco de exclusión, mulleres vítimas de violencia de xénero, mozas e mozos menores de 30, maiores de 45 anos, inmigrantes ou paradas de longa duración.

A conselleira subliñou a relevancia dos PIE porque poñen o foco en accións encamiñadas á información, orientación e asesoramento. Ademais de transmitir coñecemento técnico, traballan a motivación para o emprego e a intelixencia emocional, as habilidades sociolaborais, e fomentan a capacidade emprendedora.

Elena Rivo aproveitou a visita para poñer en valor, ademais, os 28 anos de traxectoria de Afaor, traballando na mellora da calidade de vida dos seus usuarios e no apoio a coidadores e familiares. Un esforzo que xa en 2010 permitiu que esta entidade fora recoñecida de Utilidade Pública, subliñou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2023