O Sergas garantirá a percepción das retribucións variables derivadas de gardas e atención continuada nos casos de baixa por enfermidade grave oncolóxica

A medida, que entrará en vigor en 2024 e que xa existe para diversas situacións derivadas de maternidade ou paternidade, estenderase á incapacidade temporal por enfermidade común producida durante o embarazo e tamén para incapacidade derivada de procesos oncolóxicos durante o seu tratamento e restablecemento

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

O Edificio Administrativo do Sergas acolleu, esta mañá, unha nova xuntanza da Mesa Sectorial de Sanidade, que estivo presidida pola directora xeral de Recursos Humanos do departamento sanitario galego, Ana Comesaña Álvarez. Na reunión, informouse que o Servizo Galego de Saúde estenderá ao persoal que se atope en procesos de incapacidade temporal por continxencias comúns derivadas do propio embarazo, o dereito á percepción da mellora das prestacións fixas, así como a percepción da media das retribucións variables aboadas no ano anterior en concepto de atención continuada por gardas, noites e festivos.

Así mesmo, este dereito tamén se ampliará ao aplicarse nos supostos de incapacidade temporal derivada de enfermidade oncolóxica grave, por mor da duración dos tratamentos e o restablecemento dos mesmos.

Este dereito xa existe para o persoal en situación de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo, e risco durante a lactación natural, así como nos de adaptación de posto por causa de embarazo ou da realización da lactación natural. Así mesmo, tamén esta presente no caso do permiso de maternidade e paternidade da Administración autonómica.

 

Lei de Orzamentos 2024

Durante a xuntanza, os representantes do Servizo Galego de Saúde informaron ás organizacións sindicais na xuntanza de hoxe dos incrementos previstos no anteproxecto de Lei de Orzamentos 2024 que aprobará pola Xunta de Galicia.

Así, informou que o incremento do capítulo 1 de persoal do Sergas no vindeiro ano 2024 con respecto ao 2023 será do 8,62 %, superando os 2.188 millóns de euros. Este incremento de gastos de persoal deriva da aplicación do acordo asinado polo Executivo galego no mes de abril, por unanimidade coas organizacións sindicais na Mesa Sectorial de Sanidade, e que agora se plasman nos orzamentos.

Do mesmo xeito, inclúe un aumento de 870 prazas nos anexos de persoal por aplicación do acordo, e informou dun novo incremento de prazas co obxecto de mellorar os cadros de persoal e reducir os contratos de acumulación de tarefas vixentes.

Xunto co anterior, hai que engadir o incremento de prazas derivadas do Plan de saúde mental 2020-2024, ademais dos dous novos graos da carreira profesional de persoal previstos, e o aumento de 88 prazas MIR, entre outras medidas postas en marcha polo Executivo galego.

Cómpre remarcar que o acordo retributivo acadado no ano 2023, e con aplicación en tres anos, contempla 1.393 prazas por redución de xornada ata o ano 2025, dotándose neste ano 2024, de 870 prazas. Desta forma, a carga laboral redúcese con menor presencialidade derivada da antedita redución.

No ano 2024, o persoal traballará 10 días menos que se completará en 2025 ata os 16 días en xornadas a quendas. Polo que atinxe ás quendas rotatorias complexas con noites, pásase de 1.450 horas anuais a 1.340 en 2025. No ano que vén, a xornada se reduce de 1.450 horas a 1.380.

Os complementos de domingos e festivos teñen un incremento do 15,61 %. As gardas en días laborables, noites e turnicidade teñen un incremento do 7,9 %. Os días especiais, como o 24 e 31 de decembro, pasarán a ser retribuídos para todo o persoal.

Ademais, hai complementos novos, tardes e deslizantes en atención primaria, e se configuran os venres como domingos e festivos.

Como resultado dos anteditos incrementos, as retribucións sitúan a Galicia na primeira posición en noites de atención continuada, na cuarta posición en prefestivas e festivas, e na sétima posición en prezo de gardas das 17 autonomías.

Data de actualización: 18/10/2023