A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe unha reunión con representantes dos Concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Carballo, Coristanco e Malpica, pertencentes ao sistema de abastecemento do río Anllóns

A Xunta trasládalle aos concellos da comarca de Bergantiños a mellora da situación das reservas de auga como consecuencia das últimas chuvias

A Oficina Técnica da Seca acordou na última reunión activar este estado de alerta por escaseza de auga nestes municipios, tras avaliar os indicadores meteorolóxicos e hidrolóxicos

Na reunión detallouse aos concellos a situación e as ferramentas dispoñibles para xestionar con máis eficiencia este evento de seca

A directora de Augas de Galicia lembra que as principais captacións están no río Anllóns ou en afluentes, polo que cómpre coordinación para garantir que aquelas que están augas abaixo reciban un caudal mínimo e para respectar os caudais ecolóxicos

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

A Xunta trasladoulle hoxe aos concellos da comarca de Bergantiños a mellora da situación das reservas de auga como consecuencia das últimas chuvias.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, abordou cos concellos do sistema de abastecemento do río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo a situación das reservas de auga e as medidas para unha mellor xestión da alerta por escaseza activada. En concreto, participaron na xuntanza os municipios da Laracha, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Carballo, Coristanco e Malpica.

 

A Oficina Técnica da Seca, na súa última reunión, acordara activar este estado nos municipios dependentes dos citados sistemas de abastecemento, tras avaliar os indicadores meteorolóxicos e hidrolóxicos das últimas semanas.

 

Na reunión desta mañá, Augas de Galicia trasladou que a situación está mellorando coas precipitacións destes últimos días, pero é preciso que os municipios coñezan de primeira man a situación, promovendo a coordinación entre administracións e o emprego de ferramentas para xestionar eventos de seca.

 

Nesta zona as principais captacións están no río Anllóns ou en afluentes deste río, polo que é fundamental a coordinación entre todas elas, para garantir un caudal mínimo nas situadas augas abaixo e respectar os caudais ecolóxicos.

Na reunión, os concellos acordaron manter as medidas de aforro de supresión de baldeo de rúas, eliminación de regos de xardíns e apagado de fontes ornamentais.

 

Ademais consideraron convinte traballar conxuntamente de cara á localización de posibles reservas de auga alternativas, que lle trasladarán a Augas de Galicia para que avalíe a súa viabilidade.

 

Os concellos que se abastecen do Anllóns tamén avogaron por avanzar no deseño dunhas ordenanzas marco nos seus concellos que lle permitan ter unha política de prezos dos servizos da auga máis igualitarias.

A directora de Augas de Galicia, pola súa banda, puxo en valor a importancia dos Plans municipais de emerxencia que foron redactando os concellos gracias ás axudas autonómicas.

 

Así, sinalou que concellos como Cabana de Bergantiños ou A Laracha, pese a non estar obrigados a dispoñer do plan por ter menos de 20.000 habitantes, contan con este instrumento e polo tanto, están mellor preparados para xestionar estas situacións.

 

Na xuntanza incidiuse na importancia de que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos de auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.

 

A Xunta reiterou a necesidade de adoptar medidas de concienciación e sensibilización á cidadanía para favorecer o aforro de auga, evitando malgastala. Tamén avogou por manter as medidas de redución de consumo por parte dos concellos e un uso responsable da auga por parte de toda a cidadanía.

 

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, continúa realizando un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, de competencia autonómica, e das posibles incidencias que se detecten.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2023