A Xunta pon en valor a colaboración con todos os actores da economía social para seguir a impulsar este modelo igualitario e equitativo

O pleno do Consello da Economía Social de Galicia reuniuse hoxe para avanzar no deseño da Estratexia galega da economía social e da nova Lei de cooperativas

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade acolleu hoxe unha nova sesión plenaria do Consello da Economía Social de Galicia, que contou coa presenza da súa titular, Elena Rivo,  onde se puxo en valor o dinamismo da economía social en Galicia e se abordaron retos inmediatos como a nova Estratexia galega da economía social ou a Lei de cooperativas.

O Goberno galego está a poñer en valor o diálogo, a coordinación e a colaboración entre todos os actores da economía social como fundamental para seguir a favorecer este modelo igualitario e equitativo. 

A Xunta ten como retos inmediatos a elaboración da nova Estratexia de economía social e a Lei de cooperativas. Ambos os dous instrumentos queren avogar pola axilización na creación e mellorar o funcionamento das entidades.

Mellorar as competencias das persoas e as capacidades das entidades de economía social para afrontar os retos do novo contexto socioeconómico e consolidar o crecemento continuo e sostible destas fórmulas en Galicia serán os obxectivos inmediatos. Trátase de conectar este ámbito coas economías protagonistas do proceso de transición verde e dixital, mellorando o potencial de innovación a capacidade de xerar emprego de calidade favorecendo a súa fixación no territorio.

No pleno do Consello presentouse o último balance da economía social correspondente a 2022. Trasladouse que o ano pasado naceron na comunidade 124 novas cooperativas, promovidas por 542 persoas socias. Tamén se crearon 24 novas sociedades laborais que implicaron a 59 persoas; e 7 novos centros especiais de emprego.

Ao peche do ano a comunidade tiña 1.690 cooperativas en activo, 124 centros especiais de emprego, 1.414 sociedades laborais e 13 empresas de inserción.

No balance, destaca a ampla presenza das mulleres como cooperativistas, representando case o 48% das persoas socias promotoras.

A Xunta de Galicia seguirá a impulsar a posta en marcha, funcionamento e creación de emprego nas entidades, así como a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social levadas a cabo por entidades da Rede Eusumo.

A Rede Eusumo, con 11 anos de traxectoria, fomenta o espírito emprendedor a través da economía social, presta apoio directo á creación e consolidación de entidades e impulsa este modelo no eido local.

Na actualidade a Rede conta con 95 entidades socias e permitiu titorizar o ano pasado 120 proxectos e 232 persoas (o 60% mulleres). Grazas a esta iniciativa, celebráronse actividades de divulgación que chegaron a máis de 1.100 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2023